Nas escaleiras

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

18 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En certa ocasión escoiteille ao gran Manquiña explicar que para saber se un galego que está nunha escaleira sube ou baixa tan só hai que aplicar unha regra lóxica: cando un vai subindo as escaleiras e se atopa de cara cun galego é proba irrefutable de que o galego está baixando; e se o encontro é cando un vai baixando pode deducir sen posibilidade de erro que o galego está subindo as escaleiras. É posible que cando un cidadán escoita a un candidato falar en campaña, ou lle da lectura aos textos dun programa electoral, poida ter a sensación expresada polo tópico do galego nas escaleiras, e non teña claro exactamente se o que se está a propor é unha subida ou unha baixada; un incremento, ou unha diminución. E por iso son tan de agradecer os debates, ou seccións como a clarificadora «si o no» que diariamente publica Laura G. del Valle nas páxinas de La Voz. Situacións nas que se facilita a simplificación da mensaxe, e polo tanto a extracción lóxica de conclusións. A estas alturas, por se non bastase coa experiencia de toda a pasada lexislatura, é facil deducir que todos os partidos, sexan novos, tradicionais, ou meramente instrumentais, coinciden en criticar e querer desprazar ao PPdeG e ao seu candidato á Presidencia da Xunta; pero que máis aló deste obxectivo en común poucas coincidencias teñen á hora de propor políticas alternativas comúns. E non se trata, obviamente, de cuestións menores, ou facilmente paccionables. No relativo a organización territorial do Estado, uns queren afondar na distribución federal de competencias; outros admiten a posibilidade de autorizar referendums de autodeterminación noutras comunidades pero non o ven en Galicia; e os terceiros directamente demandan a apertura dun proceso soberanista. Loxicamente, posicións tan alonxadas nesta cuestión básica reflíctense en cuestións que, a diferenza da reivindicación soberanista, van a esixir un posicionamento claro e explícito do Goberno autonómico nun curto prazo de tempo, como o financiamento autonómico. Mentras uns defenden un sistema de cupo para Galicia (que sería ruinoso para calquera Comunidade cunha renda inferior á media estatal, como Galicia), outros, máis razoablemente, pretenden mellorar o actual sistema.

Ou na reforma das institucións: as forzas alternativas propugnan desde a substitución da democracia representativa pola directa ata mecanismos tecnocráticos para a limitación do poder político. E non é unha esaxeración: nuns programas fálase da introducción de consultas cidadás para aprobar os investimentos da Xunta; noutros de delegar as decisións de investimento nunha axencia de técnicos independentes que avalíen cada proxecto.

E algo semellante acontece noutras importantes cuestións. Uns opóñense a cumprir os obxectivos de déficit, outros prometen manter a consolidación fiscal. Uns propoñen suprimir os concertos na educación e na sanidade, os outros abogan por mantelos.

Uns pretenden crear un banco público galego, mentras que outros opóñense por ver nelo un serio perigo para a sostenibilidade das contas públicas autonómicas. Uns propoñen subir os impostos que gravan as rendas do traballo, incluídas as máis baixas, outros en cambio consideran que a rebaixa aprobada pola actual maioría parlamentaria para os tramos baixos de renda debe manterse. Non sorprende que algún dos candidatos que integraría unha hipotética coalición alternativa ao goberno de Feijóo fale de que, no caso de non ter este apoios suficientes na Cámara, «abriría un proceso de exploración».

Nun momento no que é fácil comprobar como estes procesos de exploración deixan no medio das escaleiras, sen subir nin baixar, a unha España xaxún de goberno, constatar que Galicia está exposta ao mesmo risco non é apelar nin ao caos nin ao medo. É simplemente, sacar deduccións lóxicas baseadas na experiencia.

O que sería unha mágoa agora que calquera que olle as cifras económicas e sociais do país pode comprobar que Galicia está, indubidabelmente, indo para arriba.