Un soño feito Nobel

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

16 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«A matemática é a arte de darlle o mesmo nome a cousas diferentes». Esa frase pronunciábaa en Galicia, hai semana e pico, un dos principais matemáticos do mundo. Xusto ao día seguinte, o anuncio do Premio Nobel de Física 2016 facía honor a esa definición. Con ela, os tres británicos premiados conseguiron explicar estraños comportamentos da materia cando esta se acomoda en dúas dimensións, ou mesmo en unha. Pódenos parecer unha entelequia (dado que vivimos en tres dimensións), pero cada vez se fan máis materiais planos: neles non existe arriba ou abaixo.

Para esa planitude, a aparición de buratos é o meirande accidente xeográfico que pode xurdir. Para a matemática desa planitude, os obxectos cun burato teñen o mesmo nome e funcionan dun xeito parecido, distinto aos de dous buratos, e así sucesivamente. A clave é que o paso de ter un burato a ter dous buratos non se pode facer gradualmente (non se pode ter burato e medio, por exemplo) e esa é unha das bases para entender os seus cambios.

Dous dos premiados fixeron parte do seu traballo hai 44 anos. Ao outro lembro velo hai máis de 20 anos nun congreso, cando era xa moi respectado, pero non era candidato forte para o Nobel: as súas ideas eran case un soño, difíciles de contrastar, e el mesmo admitíao. Hoxe xa empezan a materializarse, e o bo é que cada vez o farán máis. Dentro doutros 20 anos, o que soñaron estas tres persoas posiblemente sexa básico para entender moitos dos aparellos que usaremos na nosa vida diaria.