O silencio dos intocables

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

22 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste país con instinto suicida, o suicidio (virtual) dun escritor non ten público mérito e presenta escasos precedentes. Eu declaro dende hai anos a miña pertenza a este reducido grupo de inconscientes e ousados: os que pretenden proclamar o valor da libre conciencia e do propio pensamento. Ou sexa, os que teñen escaso aprecio ao seu lugar no Parnaso da intelectualidade galega. Digo isto porque non é fácil dicir o que queres dicir se ti dedicas a túa vida a escribir libros. Se formas parte do «mundo cultural» galego, estás condenado a incluír as túas palabras e os teus silencios dentro da ortodoxia do pensamento único: nacionalista e de esquerdas, de Podemos ou Mareas (ambos pares non son excluíntes).

O pasado mércores, logo da Autónoma e Felipe González, non resistía o desconcerto polo paradoxal da situación. Os paladíns contra a lei mordaza eran os mesmos que puxeron unha mordaza na boca de González e Cebrián. Intentan sementar violencia os mesmos que cospen contra a violencia das forzas de seguridade. Chaman fascista ao ex presidente do Goberno aqueles que esqueceron («infame turba de nocturnas aves», escribiu Góngora) que o fascismo empeza por non deixar falar aos outros. Aos que non pensan coma ti. Que isto acontecese nun foro universitario só produce vergonza e desolación. Que nun recinto universitario se consentise a presenza de enmascarados e encapuchados, provoca abatemento. Que diante de todo isto no meu país só se escoite o silencio da intelectualidade, empuxa á náusea. Os mesmos que diante de calquera atisbo de autoridade censuran e golpean nas redes sociais ao Partido Popular, calan. Perante a ignominia contra a democracia, agáchanse.

Andei á procura das mensaxes dos meus colegas nas redes sociais, o seu medio de comunicación predilecto. Alí chamaron ignorantes aos galegos, por poñer un célebre exemplo, logo da maioría absoluta de Feijoo. Porén, o pasado xoves falaban da sentenza do Tribunal Constitucional sobre os touros. Algúns. Outros, da A8, autoestrada que arranca as néboas de Cunqueiro a poucos quilómetros do seu Mondoñedo. Quizá non lles estaba permitido opinar en contra do politicamente correcto. E dende hai anos non hai nada máis correcto que iso que denominan escraches (un eufemismo que oculta a agresión moral). Nada máis correcto que a algarada, o pensamento único, o insulto á intelixencia, a violencia latente ou patente, o acoso.

É o silencio dos covardes. Dos temerosos de que o seu nome sexa sospeitoso de empatizar, por activa ou pasiva, co gran capital, con Felipe ou con Cebrián. Antes, non. Felipe e Cebrián eran amigos do «mundo da cultura». Agora están mal vistos. E o «mundo da cultura» galega -os intocables- meteu o rabo entre as pernas e calou. Se a cultura é o espello dun país e o noso maior patrimonio, así o escribín mil veces, conclúo que quero exiliarme definitivamente. Somos un país (cultural) de covardes.