Algo máis que unha efeméride

Luca Chao TRIBUNA

OPINIÓN

24 oct 2016 . Actualizado a las 10:11 h.

Nunha época de exceso informativo, ou exceso des-informativo, que de todo hai; na que nadamos en opinións, análises e datos de todo tipo, resulta cada vez máis complexo poñer o foco no importante.

Son tantos os problemas que agardan solución que informes como o que se vén de presentar acerca do estado da pobreza pasan sen maior pena nin gloria polas páxinas dos xornais e os faladoiros televisivos. Informes alarmantes que acaban convertidos en produtos de consumo masivo, de usar e tirar ou citar e esquecer unha vez ven a luz; carne de trending topic en Twitter que, como no caso que nos ocupa, esmorecen tan axiña como pasan as efemérides correspondentes.

Acaba de pasar co 17 de outubro, Día Internacional de Erradicación da Pobreza, un día que trouxo consigo un montón de datos alarmantes da realidade social galega que contrastan de xeito substancial co país de cartón pedra que presenta Feijoo alí por onde vai e co mantra da recuperación, e demostran, unha vez máis, que a sociedade galega está a anos luz de saír da crise.

O informe elaborado pola EAPN, a rede europea antipobreza, pon a atención sobre un montón de datos insoportables, como o de que unha de cada catro persoas en Galicia está en situación de pobreza ou risco de exclusión social, o que se traduce en 702.000 homes e mulleres. Delas, 132.000 persoas atópanse en situación de pobreza extrema, é dicir, sobreviven con menos de 332 euros ó mes.

Especialmente complicada resulta tamén a situación dos nosos maiores. Os datos alertan de que case un 63 % das pensións están por debaixo do limiar da pobreza, o que implica que 473.985 persoas maiores están en situación de pobreza ou exclusión social a causa das súas pensións de miseria. Lembremos que Galicia ten as segundas pensións máis baixas de toda España.

Xunto a estes datos consolídase unha nova categoría laboral que medra como consecuencia do enorme retroceso que padecemos nos dereitos laborais.

Falamos do triste paradoxo de traballar e ser pobre. As traballadoras e traballadores pobres conforman un grupo en aumento que deixa xa a unha de cada cinco persoas traballadoras en Galicia en situación de pobreza. Xornadas parciais, temporalidade, inestabilidade son algúns dos síntomas dunha situación que afecta especialmente á xente nova.

Pobreza e desigualdade son dous dos retos principais ós que debe dar resposta a lexislatura que comeza. Non podemos normalizar o insoportable, nin asumir como naturais datos que en realidade son o resultado de decisións políticas concretas e equivocadas que, como tales, se poden reverter. Os datos comentados son consecuencia directa das políticas austericidas aplicadas nos últimos anos: recortes en sanidade e educación, un sistema fiscal cada vez máis inxusto, baixadas salariais, perda de poder da negociación sindical, destrución do emprego, abaratamento do despido...

O día para a erradicación da pobreza é un bo momento para declaracións institucionais e anunciar compromisos. Pero soamente cun cambio na orde de prioridades na axenda política estaremos en disposición de avanzar cara a un país máis xusto e igualitario.