O plaxio

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

10 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O plaxio é un tema clásico na investigación e a creación. Evitalo é obriga da comunidade científica, investigadora ou creadora que chamamos Academia. Umberto Eco escribiu para os seus estudantes da Universidade de Bologna un libriño titulado Como si fa una tesi di Laurea -o que aquí chamábamos antes tesiña de licenciatura e hoxe traballo de fin de grao-, no que cita o plaxio entre as posibles vías para facer unha investigación. De optar por esa opción recomenda «copiar unha tese xa feita algúns anos antes noutra universidade» lonxana e informarse ben antes de facelo, pois «mesmo copiar unha tese, implica un intelixente traballo de investigación». Só Eco podía converter unha aburrida guía docente nunha obra mestra, combinando rigor académico clásico, innovación xeracional, erudición de sempre e humor universal. Usámola a miña promoción hai trinta anos e sígolla recomendando aos estudantes. Quen prefira a ficción ten en O Consello de Exipto, de Leonardo Sciascia, un monumento á descuberta do plaxio e a falsificación histórica.

Unha xornalista galega, Saleta Mallo, desvendou hai dous meses nun xornal compostelán que un catedrático de Historia do Dereito, reitor da Universidade madrileña Rey Juan Carlos, plaxiara a un colega catalán: 35 das 38 páxinas dun artigo seu eran idénticas ás dun libro do colega. Literais. Neste tempo as acusacións foron aumentando. Un profesor da Universidade de Oviedo denuncia ao reitor nun xornal asturiano, un compañeiro medievalista de Santiago comproba que lle calcou varias páxinas dun artigo sen citalo, varios xornais dixitais din que copiou a un rabino de Xerusalén e mais a unha alumna súa. Os plaxios groseiros denunciados publicamente van polo de agora en sete. Non sei se o reitor leu o libro de Eco, pero parece que seguiu en parte as súas indicacións buscando textos para plaxiar en universidades que el imaxinaba lonxanas, pero foi descoidado e pouco intelixente plaxiando.

A publicación é o final do proceso de investigación. Que o reitor copiara textos enteiros doutros autores significa que tamén inventou a súa investigación. En que consiste o traballo de investigación logo? Coa axuda de Eco, explicámosllo aos novos estudantes cando empezan a traballar mais ou menos así: supón escoller un tema orixinal, ler todo o relacionado con el, definilo e acoutalo, establecer os problemas a abordar e precisar o asunto a indagar, buscar as fontes e deseñar métodos para tratalo, redefinilo, construír a hipótese explicativa e ao final intentar convertela en tese. Finalmente escribilo da forma máis atractiva e convincente da que se poida ser capaz, citando sempre fontes e lecturas utilizadas. É o correcto, a forma de avanzar no coñecemento, discutindo ou avalando o publicado e presentando as novas achegas para sometelas a discusión.

Por que non se pode calar diante das acusacións de plaxio é evidente. Preguntarase o lector: quen pode intervir? Pois os seus compañeiros da Conferencia de Reitores, os decanos de Dereito, os colegas de Historia do Dereito, os historiadores en xeral... A Academia regúlase no debate público e sóbranlle instancias para emitir opinión e xuízo, despois de facer as comprobacións de rigor. Tamén debera intervir o propio interfecto por responsabilidade e conciencia. De telas.