Renovado encomio dos mestres

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

10 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días fálase de educación. E para ben. Ocorre en escasas ocasións: porque somos un país capaz de encolerizarnos cos defectos, ata o paroxismo, e reticente a exaltar as virtudes. Levamos anos escoitando cantatas de réquiem en torno á educación. Manifestación tras manifestación. Un día manifestámonos en contra dunha lei, e ao día seguinte a favor da educación pública (como se nalgún momento esta educación correse perigo de desaparición). Un día poñemos na picota ao conselleiro por unha gastroenterite nun centro e ao día seguinte acusamos a un director de encubrimento de sucesos de acoso escolar. Somos un país cainita. Por iso, estes días non podo disimular a alegría que me producen os resultados das probas PISA. E non polos resultados en si, que sempre son mellorables, senón que colocaron á educación galega no lugar que en realidade merece. Está a educación na boca da xente, pero en positivo. Na boca da xente, pero para dicir que neste país están a facerse as cousas ben.

Os responsables últimos desta situación son homes e mulleres que ocupan, en consideración, o último estadio do escalafón educativo: os mestres. Resulta curioso que nos territorios máis avanzados educativamente, de Singapur a Finlandia, sexan os máis valorados e os mellor pagados. Aquí non son, só, os que cobran as nóminas máis diminutas, senón que son os que obteñen menor recoñecemento público. Pasas máis fame que un mestre de escola, dicían antes. Agora seguen sen recibir o aprecio e estima e ponderación que merecen. Quizá porque a maioría non coñece o labor que están a facer. Quizá porque a maioría deixa aos nenos na escola como se fose un lugar de garda e non o motor, activo e en proceso constante de renovación, da sociedade e do seu futuro.

Por iso este sábado quero levantar a miña voz a favor dos mestres. Dos de infantil e primaria, especialmente. Coñezo ben o seu traballo. Coñecer como se desenvolve unha clase de educación infantil é un dos meus labores profesionais máis agradecidos. Inmenso. Innovan constantemente, levan a casa o traballo e as preocupacións do día, fan do traballo en equipo un dogma de fe. É preciso valoralo. Como é preciso enaltecer aos que implementan as habilidades principais nos discentes, as primeiras lecturas, ou os primeiros problemas matemáticos. Os mestres de infantil e primaria son o impulso certo do mundo. Do noso mundo.

Queda moito por facer, obviamente. No relativo á formación do profesorado, por exemplo. Moito se ten avanzado nos últimos anos ao respecto. Principalmente coa creación do CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación) e coa potenciación das aprendizaxes dos profesores en exercicio. Porén, falta potenciar a formación académica dos mestres. As facultades de Educación, como nos países máis avanzados, deben ser referentes universitarios. Non o son na actualidade. Transitar ese camiño levaranos á excelencia. Esa que día a día procuran, pese a todo, os mestres no noso país.