A xustiza pagá

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

16 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«A xustiza pagá xa nos condenou». Esa é a sentenza que deben estar buscando os avogados de Miguel Blesa e Rodrigo Rato, pois é xusto o que proclaman, a ver se lles abrandan o corazón (aínda máis) aos que teñen que decidir, finalmente, o castigo para o caso das tarxetas black. Maréame escoitar cousas así. Xustiza pagá? Que é a xustiza pagá? Se nos circunscribimos á literalidade, é a que corresponde a unha relixión politeísta. Pero... é que eu só coñezo unha xustiza: A Xustiza. En maiúsculas, incluíndo o artigo.

Deberan ler A xustiza pola man, o poema de Rosalía de Castro que comeza dicindo: «Aqués que ten fama de honrados na vila / roubáronme tanta brancura que eu tiña, / botáronme estrume nas galas dun día, / a roupa decote puñéronma en tiras». A roupa da que fala a poeta pode entenderse como a propia alma. E cando nola feren, doe, máis ca nada no mundo. Por iso a xente clama por unha equidade, porque é necesaria. Que ninguén a confunda con vinganza, non se trata diso.

Eu creo que case todo se pode perdoar, claro que para iso hai que arrepentirse de verdade. O descaro é un dos peores inimigos para os infractores. Iso foi o que lles pasou a moitos destes delincuentes (porque son delincuentes, digan o que digan). Pretenderon cubrir as súas faltas xustificando o inxustificable, cun sorriso burlón que nos fere. Por iso, mellor que calen e deixen de facerse as vítimas, ou en lugar da xustiza pagá o que imos precisar vai ser a xustiza pola man. E esa si que adoita ser implacable.