Percebes

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

24 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Definitivamente, fágome vella. Normal. Pásanos a todos. O que ocorre é que nestas datas un decátase máis do paso do tempo grazas a que hai cousas que medimos de ano en ano, de Nadal en Nadal. Coma o prezo dos percebes. 280 euros o quilo.

O 42,7 % do salario mínimo interprofesional do ano.

Cantas piñas de percebes caben en medio soldo? Non moito, a verdade... Por riba, non é unha comida que farte.

Cando os meus pais eran novos, os percebes case se tiraban. Os máis pequenos cocíanse a presadas para dárllelos ás galiñas.

Ningún dos estremos me parece razoable, pero... é que 280 euros poden dar para moito. Sempre defendín o seu prezo, conste, porque hai que xogarse a vida para poder apañalos. Así que... quedo tranquila sen probalos en todas as festas. Mais a cuestión non é esa. A cuestión é que eu non quero unha piña de percebes. Quero unha piña de amor. Iso é o que preciso, nestas datas e no resto do ano.

Poder xuntármonos ao redor dunha mesa os que máis nos queremos e coidamos. Que non haxa ningún asasino desapiadado pola rúa que segue a vida de ningún dos membros desa piña. Que non veña un cancro roubarnos a tranquilidade, que na viaxe ningún kamikaze se cruce con nós... Que os nenos que nos arrodean sexan felices. Por eles volvo confiar nas luces de Nadal, no espírito bondadoso, nos Reis Magos...

Que non pasemos frío, nin fame, nin perdamos a ilusión dos soños, as ganas de progresar.

Vou vella, si, consciente de que son as apertas o que preciso. Sentirme parte da piña, non ser un percebe.