Vestido minúsculo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

02 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se te enfundas este traxe de baño minúsculo, apertas ben as tetas, e deixas que che poñamos uns brillantes... dámosche 10.000 euros. Se o anunciamos antes e causas expectación envolvéndote nunha manta, subimos a 15.000 euros. En nómina, declarado, co IRPF correspondente. Non son nadadora, non vou lanzarme a unha piscina, só teño que estar así uns minutos ante unhas cámaras. E son cartos. Vanme crucificar se acepto ese traballo? Porque é o que estamos a facer coa Pedroche. Hai quen a defende e di que aparece en pantalla como lle dá a gana, pero tamén a critican por non reivindicar a igualdade co seu compañeiro de traballo, perfectamente abrigado de traxe e, como non, facendo brincadeiras sobre o atavío dela. Preocúpense, porque todo iso viña no guión, estou segura. Quería ela ir así? Imaxínoa máis cómoda con calcetíns de lá quentiña na casa. Iso é o que temos que pensar.

Vestiuse como realmente quería, ou como lle ofreceron facelo para ter o minuto de gloria? Que condicións negociaron co seu compañeiro de emisión? Non crucifiquemos á moza que aproveita o tirón televisivo. É lista e sabe que estas provocacións non son eternas.

E nós xa sabiamos que estariamos a falar disto. Non me conten milongas sobre a violencia de xénero nin me vendan campañas sobre a igualdade nesa canle televisiva. A educación é algo do día a día, dos pequenos detalles, non de lemas baleiros. Queren ser íntegros? Páguenlle o dobre por aparecer en pantalón longo e xersei de colo alto. Gañaríanme como espectadora.