A crúa realidade

OPINIÓN

11 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda me gusta o día de Reis. Ou máis ben, volve gustarme. Emocionarme cos máis pequenos, xogar con eles, ilusionarme... Esquecer, por uns momentos, o resto do mundo.

Os nenos madrugan para saber se pasaron pola casa os Magos, hai quen ao día seguinte volve entrar na sala por ver se agora aparecerán cada día... Altéranse con tanta novidade e unha acaba por contaxiarse. Recoñezo que tamén me deixo, porque é unha necesidade.

Non creo moito na teima de clasificar as cousas por anos, pero... déixome ir un pouco. Como será este 2017? Animada pola maxia infantil confío nel, coma fago inevitablemente os primeiros días de xaneiro. Por unhas horas ou uns días, envólvome baixo a burbulla, porque o preciso. Non podemos vivir eternamente no medo, na ansiedade, no desacougo...

Pasei as tardes da fin de semana levando agasallos, montando xoguetes aos nenos... evitando os xornais, os noticiarios... o mundo real. Mais a maxia acábase a máis tardar o domingo (e xa abondo durou!): o mundo segue igual.

Máis atentados en Xerusalén, en Bagdad... máis violencia de xénero, máis mortes, máis accidentes de tráfico... Dáme na alma que o ano que comeza non vai distar moito do que deixamos e doutros anteriores.

Aló vai a maxia dos coches de carreiras, dos contos para durmir, dos bonecos entrañables, dos crebacabezas... A dura realidade imponse coa súa evidencia que esmaga. Xa podía poñerse isto de rebaixas, que boa falta nos facía. Porque... ata os descontos me saben mal. É que os cartos xa marcharon!