Descargo ou suspensión de conciencia?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

11 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mais que de suspensión habería que falar de mallado de conciencia, porque é de Trillo de quen falo. Trillo ben sendo mallo en castelán e aínda que se acompañe primeiro de Figueroa e despois de Martínez Conde, segue sendo un mallo. Por moito que leve nome de pila dun emperador de Prusia, Federico Trillo-Figueroa y Martínez-Conde segue a ser fiel a ese primeiro apelido que segundo a RAE é un «instrumento para trillar, que comúnmente consiste en un tablón con pedazos de pedernal o cuchillas de acero encajadas en una de sus caras». Pouco ten que ver no formato cos nosos mallos pero ven servindo para a mesma función de mazar no cereal para separa o grao da palla. Esa acción de mallar vai tan antroponomicamente unida a el que define e fai famoso a don Federico tal como o coñecemos na vida pública.

Vistas as súas primeiras declaracións despois do ditame do Consello de Estado será mellor que abandonen toda esperanza dun descargo de conciencia os familiares dos militares finados naquel accidente do 2003, sendo el ministro. Toda a súa traxectoria demostra unha inquebrantable fidelidade onomástica que non parece que vaia cambiar agora. Tanto ten que sen saber inglés sexa embaixador en Londres dun país obsesionado por aprenderllo aos nenos e esixilo en todas as convocatorias laborais. Pouco importa que recoñecese pagos irregulares dunha empresa implicada nunha enleada de corrupción descuberta por Facenda en relación con concesións de parques eólicos en Castela e León. Dá igual que sexa malfalado -«¡manda huevos!»-, que non saiba con quen está falando -«¡Viva Honduras!»- ou que lle tire unha moeda a unha xornalista nunha rolda de prensa, el nunca se desculpa.

Ao revés, porque máis que por falar coñéceselle por turrar e así construíu unha vida política que empezou no gabinete xurídico de AP en 1983. Despois de 1989 foi deputado do Congreso por vinte e tres anos e nese tempo vicepresidente e presidente do Congreso e ministro de Defensa en tempos de guerras de Irak e pirixeis varios. Saca peito a conta do dereito por aprobar unha oposición ao corpo xurídico da Armada -onde se fixo famoso por atesourar antigüidades mariñas- e outra ao de letrados do Consello de Estado. Iso deulle tanta sona no partido como para dirixir a estratexia do PP no caso Bárcenas e anexos, pero tamén para liderar a politización da xustiza e xudicialización da política. Nin mandándoo a Londres de embaixador lograron frear as súas desfeitas. Pouco amigo de someterse ás normas, o seu principal mérito aparente é que sabe dereito, aínda que polo visto o que sabe é mallar nel como avogado de tras das silveiras.

Non haberá descargo de conciencia de Trillo. Que ninguén o agarde nin agora nin nunca. Ao revés, ameaza con volver como letrado ao mesmo Consello de Estado que ven de sinalalo como responsable político do malfadado accidente aéreo. Fillo dun gobernador e xefe provincial do Movimiento na ditadura, a súa vida pública constitúe unha expresión requintada do funcionamento dese tipo de mecanismos bloqueadores de conciencia que tanto danan as democracias dalgúns países de Europa. A dúbida neste caso é se o mecanismo funciona con prexuízos, con crenzas ou é pura etimoloxía.