A lotaría de verdade

OPINIÓN

16 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembran aquel anuncio da Lotaría no que o dono do bar lle gardara o boleto premiado (despois do sorteo) a un dos veciños que adoitaba mercalo alí? Pois... resulta que é verdade.

A Administración número 17 de Getafe vén de repartir o gordo desta semana, no número 20278. Non era a lotaría de Nadal, pero as escenas que alí se viviron, con bágoas nos ollos, apertas e emoción irrefreables eran iguais, só que fóra do anuncio, no mundo real.

A loteira, Piedad González, estaba feliz por repartir algo de esperanza entre os veciños. Son xente que o precisa. Ela, ademais, compartía un décimo con amigas, só un petisco, non o billete enteiro.

E saben que? A un veciño tocoulle a lotaría por partida dobre. Normalmente mercaba lotaría alí, pero esa semana, non o fixo. Un par de días despois chamou á administración para comentar que non puidera recoller o décimo e... saben que lle dixo Piedad? Que llo tiña gardado, aínda sen telo aboado. Alí, agardando por el. O do número premiado.

Isto faime ver o mundo doutra maneira. Queda esperanza! Porque hai boa xente, como ela. Puido quedar co décimo, quen o ía saber? Eran 130.000 euros que non lle virían nada mal. Pero non, gardárallo para el e así ía ser.

Estas son as historias máis fermosas, as que nos reconcilian coa humanidade e... non saen nos noticiarios. Chegou a min por circunstancias da vida e eu déixoa nesta ventá, porque merece ser contada e recoñecida a bondade da loteira. Quen sabe... igual o nome que nos dan ao nacer ten influencia no noso destino.