Posible conversión de Trump

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

20 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos analistas políticos cren que, unha vez nomeado presidente, Donald Trump cambiará as ideas e actitudes que mantivo durante a súa campaña. Mesmo algúns ven xa indicios de cambio nas intervencións públicas que tivo tras gañar as eleccións.

A situación lémbrame un conto que me contaron cando era nena: Houbo unha vez un home que non cría en Deus e decidiu dedicar a súa vida a liberar ao mundo dunha crenza que era o opio do pobo. Non se afiliou ao partido marxista leninista senón que decidiu combater ao inimigo desde dentro. Fíxose cura e dedicouse a axudar a todo o mundo. A fama das súas virtudes non tardou en estenderse e foi bispo, arcebispo, cardeal e finalmente conseguiu que o nomeasen, xa ancián, papa. Sentiu entón que os seus esforzos valeran a pena e que podería realizar o seu soño: dicir ao mundo desde o balcón do palacio vaticano na Praza de San Pedro de Roma que Deus non existe. Saíu ao balcón e … deu a súa bendición aos crentes que o esperaban e foi ata a súa morte un papa excelente.

A graza de Deus -explicáronme entón- descendera sobre el naquel intre e fíxolle ver o seu erro.

Quizá con Trump repítase o milagre e, se non é a graza de Deus, polo menos a graza das sólidas e antigas institucións democráticas dos Estados Unidos poderá frealo. «As boas institucións protexen ás nacións dos malos gobernantes» (Karl Popper dixit).