Iso de esaxerar co galego

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

23 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Fíxose ciberneticamente famosa unha viñeta de Luis Davila na que falan tres persoas, dúas en castelán e a terceira en galego.

As primeiras buscan unha razón para que a terceira use a lingua nai. Argumentan que, ou é nacionalista, ou mestre de galego. A terceira replica que igual tan só é galego.

Pois ben... a min preocupoume porque o problema é moito máis grande do que aí se manifesta. O que asusta é que os propios galego falantes comezamos a opinar dese xeito. Se escoitamos a alguén alleo falando galego dannos ganas de voltear a cabeza e miralo, porque... hai un coma nós! Fala en galego! E, que queren que lles diga, quizais non esteamos libres da culpa de pensar que posiblemente sexa docente, escritor, lingüista, filólogo... Cada vez quedamos menos. Non teriamos nin que ser comprometidos, tan só naturais. Pero non é así. Con iso non chega.

Poñerei un exemplo que o ilustre. Na casa, falámoslle á pequena en galego. Mais penso que en moi poucos sitios máis o fan. A maioría dos compañeiros do colexio utilizan como primeira lingua o castelán. A maior parte dos achegados, tamén. No parque é o que oe. Nos debuxos animados que máis lle gustan, tamén. E ela, cativa, segue o seu instinto de imitación e cada vez fala menos galego.

Eu non quero que teña que ser nacionalista ou profesora de galego para empregar a lingua na que a criamos. Abóndalle con ser galega. Pero, agora máis ca nunca, son consciente do difícil que resulta espallar a lingua propia. Dixen espallar? Debería dicir manter.