A matanza de Atocha

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

24 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A transición á democracia abriuse camiño cun enterro hai hoxe corenta anos. Hai moita historia detrás e debaixo daquel acontecemento, pero a reacción da oposición antifranquista á matanza perpetrada por pistoleiros falanxistas levou a transición a un punto de non retorno. Non o fora a chegada do rei Xoán Carlos á morte do ditador, tampouco o primeiro Goberno da monarquía, nin sequera o referendo a prol da reforma política impulsado polo Goberno Suárez. Foino a resposta ao imprevisto horror daquela matanza, por parte dunha oposición articulada en Madrid a carón do PCE e CC.OO., coas que estaban vinculados os asasinados naquel despacho de avogados laboralistas. A capacidade para encaixar silandeiramente e sen reclamar vinganza a adversidade daquelas mortes foi a mellor expresión da política de reconciliación da que aquel partido fixera bandeira política dende había vinte anos e que era hexemónica na oposición.

A oposición antifranquista soubo facer daquel enterro unha grande manifestación democrática: milleiros de persoas en silencio, togas polas rúas, féretros ao lombo, Pedrol Rius, o vello presidente do Colexio de Avogados madrileño, abrindo a marcha. Foi a recuperación cívica da rúa para a democracia -a xente-. Tamén o alivio dun franquismo sociolóxico ao que lle facían temer vellos desquites, pero que ficou asombrado daquel estoicismo. A idea de volver ás andadas, ao 36, da volta da tortilla, deixou definitivamente de ter predicamento social. Quen a usaba tivo que repregarse ao búnker. Ninguén quería saber nada daqueles tres pistoleiros: Fernández Cerrá, García Juliá e Lerdo de Tejada, por moito que eles e outros aínda tiveron amparo nas estruturas dun réxime moribundo, os seus camaradas recicláronse aos poucos como puideron, até que o 23-F obrigounos de vez.

Aqueles cinco mortos de Atocha -Valdevira, Benavides, Sauquillo, Holgado e Rodríguez Leal- foron mártires da democracia, pero non tiñan intención de selo. Había moita historia debaixo de aquilo, mediata e inmediata, e por iso o auténtico desquite consistía en demostrar a diferenza dos demócratas no dó dos seus mártires. Aí gañou a partida a oposición. Era -segue sendo- cuestión fundamental, porque corenta anos antes a democracia republicana fora liquidada por un golpe artellado durante meses por uns poucos conspiradores militares que despois utilizaron, entre outras desculpas, o asasinato de José Calvo-Sotelo catro días antes da sublevación como argumento da súa acción e convertérono en protomártir. Aquel deputado era, por certo, líder dun pequeno grupo de 12 deputados e non o xefe da oposición en que o converteu nun recente debate televisivo un locuaz xornalista convertido en profesor universitario polo reitor acusado de plaxio.

Igual que nos reescribiron o pasado de democracia, golpe e ditadura, agora aparecen sectores políticos e xudiciais empeñados en reescribir a transición até o disparate. Son herdeiros precisamente dos que non a fixeron, pero ampáranse nos deberes sen facer dunha dereita que aínda non lavou os seus trapos sucios. Como entender senón a proposta sobre os nomes de rúas de Bilbao, a decisión xudicial sobre os de Alacante ou o caso dos chistes de Carrero. Nin pode gañarse a batalla do Ebro para a República nin facer a transición sen legalizar ao PC.