Trump, o alporizado

OPINIÓN

30 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Finxe ser un home forte para compensar as súas debilidades», escribe John Nichols (The Nation, 19 de xaneiro) sobre o carácter de Trump, e penso que acerta. A súa primeira debilidade, entre outras moitas, está a de ser plenamente consciente de que moitos millóns de cidadáns refugan ás súas políticas primarias e viscerais.

Como ben sinala o mesmo autor, Trump, dende o principio, tratou de demostrar forza, negouse a pedir desculpas, o compromiso, o respecto á liberdade de prensa, á dúbida ou a admitir consellos. Esta falta de flexibilidade empuxada polo seu ego é unha constante súa. Alporízase cando se lle lembra que é falso que teña gañado de maneira fácil as eleccións e que non hai, como pretende, un grande movemento en apoio da súa presidencia, senón máis ben o contrario. Alporízase pola intervención de Meryl Streep e o seu atrevemento a disentir. Alporízase cando se lle lembra que o 54 % dos cidadáns emitiron o seu voto a candidatos que non eran Trump ou que en case tres millóns de votos foi superado por Hillary Clinton. E tamén porque sabe que no Congreso e no Senado ocorre algo semellante.

Nichols refírese a un caso ilustrativo: cando o congresista John Lewis anunciou que non asistiría á cerimonia de investidura, porque non «ve a este presidente electo como presidente lexítimo», Trump deu a impresión de que toleaba. A vitoria «esmagadora» que el e os seus demandan, nunca tivo lugar.

Os actos que temos visto nestes días -asinado de resolucións e exhibición do texto diante das cámaras- sen dúbida que están dentro desa liña de vitoria «esmagadora», que el reclama para demostrar ese poder absoluto polo que devece, pero que dista moito de ter. E moitos compañeiros de partido temen por estas maneiras súas. Razóns non lles faltan.