Trump contra a prensa

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

01 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O poder da prensa é indiscutible e, como case todo, ten unha cara boa e outra mala. A boa é a súa función informativa, que con frecuencia convértese en denuncia de corrupcións e freo dos outros poderes. Por iso témena e tentan controlala todos os ditadores.

A mala é que pode destruír tanto a persoas como institucións ou sociedades, deformando os feitos e as ideas. Ou dando información que non debería difundirse.

Hoxe a lei suprema á que obedecen os medios de comunicación é conseguir a noticia, moitas veces a calquera prezo, mesmo ao de favorecer ao que se condena, converténdoo en famoso. Psicólogos e sociólogos aseguran que a difusión dalgúns delitos ten un efecto chamada.

Creo que a resposta da prensa aos ataques de Trump debía ser o silencio sobre a súa persoa. Sei que é imposible, pero imaxinen por un momento que deixa de aparecer nas televisións e nas primeiras planas. A cara de satisfacción, o xesto arrogante co que asina cada día os seus disparates seguro que desaparecería. E mesmo é posible que o pensase máis e que escoitase razóns antes de seguir adiante na súa actitude chulesca. Verse día tras día en todos os medios dálle forza. Creo que volverlle as costas, demostrarlle desprezo, igual que ao borracho que nos solta unha perorata, quizá sería unha boa forma de frealo.