Máis ca un ataque

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

03 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non estou moi conforme cunha mensaxe que se está a facer viral: Salvemos a Melania Trump. Enténdaseme ben. Non son das que pensan que ten que solucionalo ela, non. Todos e cada un dos que formamos a sociedade somos responsables, dun ou doutro xeito, de que sexa tal e como é. Unha vez aclarado isto, creo que hai moitas Melanias das que ocuparse. Melanias totalmente anónimas e, o que é máis difícil, invisibles.

A Melania non só hai que salvala de quen lle dá (ou impón) o apelido. A todas elas e todas nós hai que liberarnos da desigualdade. E non só iso. Do medo. Porque, si, temos medo. Moito medo. E cada vez máis, aínda que debera ser o contrario.

Saben que habitualmente volvemos a cabeza cara atrás, controlando quen vén canda nós pola rúa, cando regresamos a casa ou imos cedo ao traballo? Pois si, facémolo. Pero... como para non comportarnos así!

Agora ata nos atacan en grupo. O que oen. Iso é moi covarde. Pero tamén tremendamente real. Están a xulgar estes días a varios xogadores de rugbi (na Arxentina) por violar en grupo a unha moza á que, supostamente, drogaron previamente.

Non sei como hei facer para educar á miña filla para que camiñe libre pola vida, sen medo, afouta e segura de si mesma. Non sei como facelo porque eu non podo controlar todos os depredadores que, semella, están agardando en todos os recunchos.

Esta educación construirá futuro. Teño medo de non saber facelo, de non buscar un mundo mellor, máis seguro para as mulleres. Necesito, tamén, salvarme eu.