A tortura de ser nais

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

05 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai certo rebumbio pola publicación dun libro no que a autora relata a súa fraude coa maternidade: non só non é máis feliz, senón que ten menos calidade de vida e é máis pobre. A provocación axiña bateu coa indignación das que din atopar a realización como mulleres na sacrosanta maternidade. Indignadas, atacaron, para alegría da escritora que ve como as nais abnegadas de España contribúen a paliar os efectos negativos dos xemelgos sobre a súa economía. Cando publiquei Maternosofía, vivín algo semellante.

¿Pero a maternidade dá a felicidade? Eu teimo en que ser nai non é o que me fai feliz. E non se me boten a dicir que non quero as miñas fillas, porque por sorte o amor non ten a exclusividade sobre a felicidade. Ter fillos é fermoso porque implica a experiencia do amor absoluto e do contacto coa inocencia e a tenrura, valores moi de capa caída. Pero polo demais, enganámonos ao idealizar iso como estilo de vida feminino. Nacen, e as tetas convértense nos grillóns dunha cadea invisíbel que, enriba, goza de boa reputación; despois, unha serie de normas tocadas polo bempensatismo péchannos no cárcere da maternidade, e pasamos a sentirnos culpábeis por todo agás por estar horas soas con humanos sen socializar que te maltratan cun ego que quintuplica o seu tamaño entenrecedor. Aínda así, iso ten que centrar a nosa vida de nais abnegadas agardando polos homes, eses dos que depende o noso contacto co mundo exterior. Con eses vimbios, hai que ser felices.

Mais eu son feliz esas tardes nas que a miña Sofía colle un libro que coloca coma un portátil e declara intencións á súa maneira: «Vou pensar e traballar, que aquí na casa non hai nada interesante».