Acosados e acosadores

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

06 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de 5.000 chamadas recibiu o teléfono contra o acoso escolar (900 018 018 ) posto en marcha polo Ministerio de Educación o 1 de novembro do 2016. Isto permitiu dar cifras dun dos máis graves problemas do noso sistema educativo. Segundo as estatísticas, baseadas neses testemuños, un de cada catro nenos está a sufrir acoso.

O que non se cuantificou é o número de acosadores, en parte porque un acosador pode selo de varias vítimas, pero tamén porque a contumacia de familias e centros en negar a súa presenza fai que sexa máis difícil. O acoso descóbrese case sempre porque a vítima decide denuncialo, aínda que ás veces prefira matarse. En practicamente todos os casos, a primeira reacción dos centros de ensino nos que se produce é minimizar os feitos ou negalos: ningún profesor os viu, ou, se os viu, considera que se trata de «cousas de nenos».

En canto ás familias, supoño que recoñecer que o fillo é un acosador debe ser máis difícil que darse conta de que está a ser unha vítima.

O teléfono do Ministerio é un paso adiante contra o acoso, pero non é a solución, que debe estar nos centros. Cursos de formación ao profesorado para que poidan detectar e xestionar adecuadamente o problema, e a presenza dun/a psicólogo/a no centro durante todo o horario escolar probablemente acabaría con esta peste que estraga a infancia e con frecuencia a vida adulta de tantas persoas.