Errejón e a vella esquerda

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

10 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nalgún momento do pasado Pablo Iglesias dixo que Podemos tiña que «facer as cousas ao contrario de como as facía a esquerda». Foi despois das eleccións municipais e autonómicas do 2015 en declaracións a un xornal de Barcelona. Xa dixera cousas parecidas para evidenciar as aspiracións anovadoras e transversais do novo partido, mais ou menos que para atinar tiñan que facer o contrario da esquerda clásica. Pero, a diferenza de Errejón, Iglesias procede dunha organización da vella esquerda militante, por iso admira a ese que chama o calvo xenial. Esa diferenza explica en parte que está pasando en Podemos de cara ao seu congreso, mesmo como e por que pasa. Ás veces as culturas e as pautas adquiridas ou os mitos do pasado, poden ser mais poderosos que as vontades do presente.

Un partido dentro do partido, fraccionalismo, desviacionismo, partido de maiorías ou de vangardas, supremacía das institucións ou da mobilización social, lembra á vella esquerda do século pasado. Mesmo do anterior, cando a disputa se centraba no valor mesmo da democracia representativa. Por baixo dese modelo aínda hai outro moito máis antigo e duradeiro: o clásico do César e o neoclásico de Napoléon. Semella que Errejón está máis liberado deses modelos que Iglesias, mesmo está obstinadamente empeñado en superalos: non quere ser Bruto e matar a César, pero tampouco quere ser o Danton guillotinado por Robespierre. Tamén demostra coñecer a famosa frase de Saint Just: «A revolución está conxelada», e que isto é o que lle está pasando a Podemos; e outra aínda mais elocuente: «As revolucións a medias non conseguen máis que a tumba».

Os que veñen da esquerda clásica, aí Monedero e Monereo compiten en vellez, cando miran a Errejón, e o que fai e propón, seguro que discuten se é mais atinado comparalo con Trotsky ou con Kautsky, competindo como Pepito Grilo en coñecementos sobre xenealoxía da esquerda para definir que tratamento deben aplicarlle. Asunto que a Errejón debe importarlle moi pouco se non fora porque explica en parte como se están comportando con el. Ou sexa, por que empezan a tratalo como inimigo a bater en vez de como un compañeiro que opina diferente. Se os soños da razón poden producir monstros, os da esquerda ás veces producen estas cousas.

Se o tratan como a Trotsky repetirán o modelo do estalinismo, o peor dos posibles: o do traidor. Unha pauta tan persistente e profunda que seguiu usándose para algunhas purgas -por exemplo, no PCE- décadas despois da desestalinización. Se o tratan como a Kautsky, repetirán o modelo do leninismo, algo máis benévolo: o do renegado ou oportunista. Tamén pode ocorrer que a maioría dos inscritos en Podemos descoñezan ou mesmo desprecen esa vella e pouco edificante historia da esquerda. Mesmo que Iglesias se relea a si mesmo e recupere o chip perdido. Pero a sombra dos modelos do pasado e das pautas aprendidas é moi longa. Veremos. En todo caso Kautsky e o austromarxismo tiñan razón, unha razón menos heroica e menos épica que a do calvo xenial pero máis avalada polo paso do tempo: a ditadura -mesmo a do proletariado- era incompatible co socialismo e a democracia era un ben en si mesmo.