Fin de semana político na Corte

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

14 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As reunións políticas desta fin de semana en Madrid déronlle á cidade unha patina de Corte central que xa non acordan os tempos. No PP, 3.100 compromisarios moi pouco comprometidos -na votación máis disputada non chegaban a 700 os participantes- reuníronse para afirmarse con Rajoy. Nin Aznar, nin Aguirre, nin Oreja asomaran a pata. Están tan empeñados en presumir dunha limpeza que os xuíces lles negan, que atenderon máis a demostrar que o paxaro do anagrama é un lanzal carrán e non unha gaivota, que a dicirnos que van facer co futuro, coa UE, con Trump, coa enerxía nuclear, co custe imparable da luz e axiña da vida. De fondo un mar azul de ondas que baten nun movemento continuo e monótono que, como aqueles móbiles mariños de salón que estiveron de moda hai anos, descubría unha vontade inequívoca por atordoarnos.

En Podemos dirimiron unha traxedia que aínda non se escribiu entre dous sectores e dúas formas de facer e de pensar despois do éxito. Entre os que teñen presa por gobernar sós e sen pactar con ninguén, nin sequera dentro da súa organización e os que saben que necesitan máis tempo e mais apoio e que inevitablemente terán que acordar con outros sectores. Aos primeiros só lles serve mandar eles, ser únicos e decidir por todos, porque só eles teñen a razón e o líder. Os segundos asumen que rachar o bipartidismo significa non substituír a uns polos outros senón pluralizar a democracia. Uns teñen un líder clásico e único; os outros, un líder por inventar. Nos dous bótase de menos máis feminidade e menos afectación. A conclusión para Galicia é que haberá dous galegos entre sesenta e dous membros do Consello Cidadán.

No PSOE un alcalde galego prepara un chan de alcaldes para asegurar as primarias a unha líder andaluza que está apurando o final do califato de Sevilla, mentres ilusiona -a todos os que en España queren crer- coa reedición imposible dun bipartidismo no que o PSOE volvería gañar porque si, porque lle tocará, porque o PP se desgastará e mudará a quenda como se non houbera máis actores no escenario. O espectáculo socialista da fin de semana é tan clásico que parece un paso de Semana Santa. Pero tamén aquí hai máis confrarías. Polo menos outras dúas.

O balanzo das tres reunións da Corte é preocupante porque o ensimismamento español é preocupante dende o 98. Ningunha ollada ao mundo, ningún discurso sobre a Europa que se pode esfarelar. Nada que dicir sobre o futuro de verdade. Só preocupación por eles mesmos e os seus competidores directos ou internos. Todos falaban de todos, mal, non porque uns criticaran aos outros senón porque non pasan do rexoube madrileño. Ningunha proposta, nova nin vella. Nada que resumir, que converter en slogan, en desexo novo. Resignación e nada que mudar no PP. Unidade -que novidade!- na nova esquerda que xa non é transversal. Queremos gañar porque temos un partido histórico no PSOE..