Nós non somos Nóos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

18 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O que pode cambiar a vida unha letra. Nós non somos Nóos. Só un o de máis, que nin sequera se pronuncia. Pero está aí, marcando a diferenza, avisando de que as cousas mudan por pequenos detalles. 

Para Iñaki Urdangarin solicitaba a fiscalía máis de 19 anos de cárcere. Tiveron que pasar máis da metade para que finalmente sexan 6 anos e 3 meses. Algo é algo, pero... non adoitan ser así de brandas as sentenzas.

Puido ser peor se chegase a prescribir. Xa sería moito para a pequena diferenza de ser Nós a Nóos. Dezasete imputados non podían quedar en nada. Sería chamarnos parvos a Nós, que en realidade só somos nós, sen un o a maiores e sen maiúsculas. O pobo, vaia.

E a infanta? A Fiscalía non vía mancha na súa actitude. Como agardabamos, absolta completamente. Só unha multa, para ela, o que a min pagar un peso. Non sei. Estas mulleres que non saben que pasa súa casa, non len o que asinan... pero son quen de traballar en altos cargos executivos, representantes de entidades con carácter universal... non parecen de fiar. Algo estraño hai cando pode moverse polo mundo adiante, dominando idiomas e ocupando cargos importantes en empresas que se dedican a traballar cos cartos dos demais, pero non sabe absolutamente nada do que acontece coa súa economía familiar.

Non. As mulleres non somos parvas. Non retrocedamos anos de historia para escudarnos niso. É, precisamente, contra o que temos que loitar.

Ai... cantas voltas dá a vida real. Porque a vida Real está claro que non. Algunha, se cadra.