A Pantera

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

23 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das extravagancias verinenses foi a práctica do boxeo. Este deporte agora non ten fama, pero no pasado atraía masas, titulares de prensa, capital, e popularísimos rostros aos combates. Verín non podía quedar exento. Os periódicos chegaban tarde, pero chegaban, e anunciaban como Rocky Marciano ou Sugar Ray Robinson aproximaban as súas luvas negras ao ceo. Os mozos querían ser coma eles. Pero non soportaban ningún tipo de disciplina: adestrar, suar, prepararse. O noso é o carnaval. Por iso cando apareceu Roque, a Pantera de Monterrei, todos quedaron marabillados. A Pantera era carnavaleiro, home de verbena e canción, pero cun crochet de dereita letal. Todos os seus rivais da provincia ían caendo á lona. Un tras outro. Así ata que un representante viu nel aptitudes para o deporte profesional. Era arxentino, dos primeiros que chegaron a Verín.«Vos entrenás duro y xo (yo, quería dicir) te hago mixonario». Había que trasladarse á Coruña. Roque accedeu porque as tardes de Verín, carnaval aparte, eran tediosas e Riazor prometía guateque. A historia repetíase: boxeador que subía ao ring, boxeador abatido pola Pantera. Ata que chegou un cubano de cento vinte kilos. Roque dixo que caería tamén. Pero o combate cadrou en mala época: o sábado seguinte a un carnaval. O entroido de Verín é poderoso. Roque, igual. Aqueles días gozou de ceas e bailes e verbenas. O mércores de cinza marchou á Coruña. E chegou o combate. No primeiro asalto xa caeu o noso. No segundo, tamén. No terceiro parecía unha carnicería. Porén, a Pantera tiña ánimo e preguntou no último asalto: «Argentino, ¿y a los puntos cómo vamos?». O arxentino contestou: «Si lo matás, empatamos». O entroido de Verín é poderoso.