Trump contra a laicidade

OPINIÓN

27 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos medios máis solventes dos EE. UU. existe un medo certo e non disimulado pola deriva que van tendo, no aspecto relixioso, as decisións do equipo de Trump, todo el, ao parecer, disposto a botar abaixo o muro que naquel país separa os eidos propios do Estado dos que corresponden ás diversas relixións.

Graham Wyse (New Republic, 16 /02) di que os cristiáns conservadores, maiormente evanxélicos, son parte clave dos seus votantes, e el está disposto a facer calquera cousa para mantelos no candeeiro, feliz de politizar a relixión se serve ás súas necesidades.

Os republicanos do Congreso, di o mesmo autor, preparan unha lei que «limite a capacidade do Goberno federal para castigar ás persoas e organizacións que se opoñen ao matrimonio homosexual por motivos relixiosos». Larry Decker, director de Secular Coalition for America, dixo que «todo o que temos como liberdades constitucionais reais está cuestionado neste momento».

Pénsase tamén que Trump está montando unha Administración case teocrática, un gabinete cheo de inimigos da separación Igrexa-Estado. Pence, o vicepresidente, pensa que nas escolas debe ensinarse o creacionismo ou que os fondos federais destinados á sida deben aplicarse aos tratamentos para cambio de comportamento dos homosexuais.

Hai só un ano sería inimaxinable que puidese un país recuar tanto. E xa veremos que efecto dominó van ter estas actitudes no mundo. O peor é que é posible que Trump non crea en nada e só pague a peaxe que os seus votantes esixen. Como dixo Larry Decker: «Pode que Donald Trump sexa un crente. Coido que é un crente en Donald Trump». Pero o país non é Donald Trump.