Las Vulpes

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

02 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Este carnaval que pasou, con máis pena que gloria, recordámolas. Chegaron un martes de entroido para actuar na Charlot de Verín. Eran catro, pelos de cor en punta e colgantes de metal por todas partes. Fixéranse populares nun programa musical de principios dos oitenta. A Verín viñeron cando eran famosas, aínda que a fama adoita ser breve como un chupito de licorcafé. Carlos Tena, o director de Caja de ritmos, presentounas como un grupo punk. Alí cantaron o seu hit: Me gusta ser una zorra. Despois daquela aparición televisiva todo mudou. Actuacións, éxito. Chamáronas para o carnaval de Verín e cando baixaron do coche dixeron: «Qué pueblucho». Pronto se decataron de que a súa apreciación non foi acertada. En plena actuación foron varios os que subiron ao escenario con peor presenza que Las Vulpes. Elas, tan transgresoras, acabaron cantando Asturias, patria querida acompañadas por un coro de verinenses célebres. Ao remate da velada, entusiasmadas por tanta entrega, quixeron coñecer o noso carnaval. Acabamos todos no bar do río coas Vulpes ao lombo. Digo isto en sentido literal: catro porteadores e elas sobre os seus ombreiros. Os restos etílicos do bar botáronse nunha tina (algúns afirman que non só levaba alcohol o recipiente). O Celsiño cun pau removía a beberaxe. A melena rubia chegáballe aos cadrís e as tatuaxes, ou algo parecido, aquela noite cubríanlle o corpo espido. Las Vulpes non viran tal cousa en ningunha capital de España. Tampouco unha tribu tan extravagante. Nin moito menos tirarse ao río homes e mulleres en pleno febreiro. Un mércores de cinza coma onte, hai máis de trinta anos, regresaron á civilización. Pregúntome se Las Vulpes olvidarían o meu «pueblucho».