Cara ao teito?

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

05 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Oátomo máis sinxelo que forma a materia é o de hidróxeno, composto por un protón (de carga eléctrica positiva) no seu centro e un electrón (carga negativa) ao redor. En 1932 descubriuse que o electrón ten un estraño irmán, igual a el pero con carga positiva: o antielectrón (tamén chamado positrón), o primeiro vestixio da chamada antimateria. Se se unen, aniquílanse convertendo as súas masas en enerxía. Ocorre tamén o fenómeno contrario: poden nacer dende o baleiro os dous xuntos da man, materia e antimateria. De feito, pénsase que o universo puido xurdir dese modo. Pero hai un problema: de ser así, debería haber tanta materia como antimateria, e non é caso. É un dos misterios máis profundos da física actual.

En 1964 descubriuse unha pequena asimetría entre elas á hora de descompoñerse (un dos descubridores, o Premio Nobel James Cronin, foi bo coñecedor de Galicia) e agora parece que hai indicios dun novo descubrimento nese sentido. No 2010 conseguiuse xuntar un antiprotón (carga negativa) e un antielectrón para formar o chamado antihidróxeno, o primeiro antiátomo. Agora vén de anunciarse que, nunhas primeiras probas, funciona do mesmo xeito que o hidróxeno, o cal parece ter lóxica, xa que aparentemente só se diferencian nun intercambio dos signos das cargas.

A busca das diferenzas segue; entre elas, a solución a unha incógnita vital: se deixamos caer un átomo de antimateria, ¿irá cara ao chan ou cara ao teito? Imaxinen que marchase para arriba... O soño da fabricación de motores como os de Star Trek.