Simca 1.500

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

09 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando chegou a Verín, o Simca 1500 do Mariló era un espectáculo. Na porta do bar Los Amigos había cola para subir e escoitar aos Chunguitos no radio casette: dame veneno que quiero morir. Bernardo era o sedutor da cuadrilla. Non houbo moza da comarca que non gustase dos encantos do meu amigo. Solteiro e guapo, daquela, todo o daba o Bernardo cando unha dama o solicitaba. Sempre dicía si. Mariló e eu mesmo nunca tivemos a súa galanura. El, a cambio de nada, encargábase de dar o número para que as mozas verinesas puideran subir ao asento corrido do Simca do Mariló. Eu creo que se aquel coche falase, a historia de Verín non sería a mesma. Pero non falou, por fortuna. Mariló acababa de sacar o permiso de conducir e era un perigo ao volante. Recén estreado o Simca 1500 sufriu un percance. Foi aos do seguro. Preguntáronlle: ¿Como foi? Foi sen querer, dixo o Mariló. De seguida colleu práctica e converteuse no noso porteador oficial ás verbenas. E alí empezaban, noite a noite, os problemas. O Simca 1500 estaba en mans de todo o mundo, menos nas nosas. Déixame levar a moza á casa, dicía un. E Mariló deixáballe o coche a cambio duns cubatas. Unha volta no Simca por un cartón de Winston. E, grazas á negociación do Mariló, tiñamos tabaco para toda a semana. Ata o día en que o coche non volveu na verbena de Xinzo. A churrería da Lolita xa cerrara e non había unha copa de licor café para poder distraernos. A quen lle deixaches o coche Mariló, pregunteille. El díxome: Non fun eu, foi o Bernardo. Regresamos en autostop. Días despois La Voz anunciaba: «Detenidas en Salamanca, a bordo de un Simca 1500, dos mujeres que habían asaltado una farmacia en Ourense». O Bernardo sempre dicía que si.