Cabal e impecable

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

13 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Audiencia Nacional rexeita o ingreso en prisión dos dous ex presidentes de Caja Madrid, ao ver «inconsistente» o risco de fuga debido á súa conduta «cabal» e «impecable».

Nada que dicir. Se son xente cabal e de comportamento exemplar, como non darlle unha oportunidade? Todos o merecemos. Iso, claro está, sempre que por impecable entendamos estar acusado de falsidade documental, apropiación indebida e administración desleal, caso do señor Rodrigo Rato. Máis impecable aínda se sabemos que se engadiron os delitos de branqueo de capitais, alzamento de bens e fraude fiscal. Nimiedade, esta última só, que se traduce en defraudar 5,3 millóns de euros, uns patacóns. Pois saiban que esta cantidade é corenta e catro (44, en número vese mellor) veces máis que o mínimo necesario para o delito fiscal (120.00 euros).

Como se dixo sobre Monedero e a súa fraude de 425.150 euros, «se todo o mundo fixera como Rodrigo Rato, a ver como pagamos a Sanidade ou a Educación».

Pois iso.

Non menos cabal é Blesa, ao outorgar sobresoldos e incentivos ilegais a unha entidade bancaria de dubidoso funcionamento pola cantidade de 8,57 millóns de euros.

Posiblemente os obtiveran de enganar aos clientes e usuarios de Bankia que, lembremos, saíu a bolsa cos folletos de emisión con datos falseados. Foi acusado, por isto, de apropiación indebida e delito societario. Moi cabal todo. De cabaleiros como eles, que se visten de traxe e camiñan ergueitos e solemnes, e falan con elegancia, mesura e cortesía. Impecables, si.