Cinco mais unha mulleres galegas do século XIX

Lourenzo Fernández Prieto
lourenzo fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucos lugares en Europa e no mundo -pode que ningún- que concentren tantas mulleres con tanta influencia, poder e transcendencia histórica por razóns intelectuais e políticas como o triángulo A Coruña-Ferrol-Santiago. Foi no século XIX, na era dunha burguesía liberal que foi revolucionaria pero tamén patriarcal e antifeminina en todo o mundo. O asunto ten moito interese visto en grupo e non individualizado por protagonistas, ao observarse conxuntamente convértese mesmo nun grande paradoxo histórico que merece explicación. Por que esta concentración de poder feminino naquel mundo de homes e naquel tempo de homes que recluíron ás mulleres burguesas nas alcobas, os confesionarios e os salóns interiores? Por que nesta parte do mundo? Que rede construíron aquelas mulleres e que influencia tiveron unhas nas outras?

Unha parte da Historia da Galicia mais visible do século XIX pode contarse, de feito, a través da vida desas cinco mulleres. Por orde de nacemento os seus nomes son: Juana de Vega (1805), Concepción Arenal (1820), Rosalía Castro (1837), Emilia Pardo Bazán (1851) e Sofía Casanova (1861). Todas naceron ou viviron entre Ferrol e A Coruña, agás a compostelá Rosalía. A sexta lévanos a 1868 e a Valga, chamábase Agustina Carolina Otero Iglesias, marchou aos vinte anos polo mundo para triunfar en escenarios e salóns como La Bella Otero e, a diferenza das outras cinco, nunca se quixo galega. Pero tamén pode levarnos de volta a Ferrol con Aurora Rodríguez Carballeira (1879) e a través dela á súa filla Hildegart (1914), unha historia fascinante no cumio do que poderiamos denominar feminismo euxenésico.

Aquela concentración territorial de mulleres destacadas pode seguir intensificándose e ramificándose mais aínda, pero abonda con esta mostra para chamar a atención. De todas as razóns para intentar empezar a explicar tal densidade de poder feminino, seguramente a cuestión da parte do mundo é a máis importante: dous portos do extremo noroeste atlántico da península Ibérica, situados no centro de todas as rotas marítimas que construíron a modernidade entre Europa, América e África, nun territorio de antiga ocupación, forte personalidade cultural histórica diferenciada e dominio labrego no século XIX. Pero todo isto non alcanza a explicar moito.

Podemos supoñer que todo empezou con Juana de Vega, que conservou sempre o impulso inicial de destrución dos privilexios estamentais e de nacemento e, como o primeiro liberalismo inglés no que fora educada, tamén dos privilexios de xénero. Non pouco debería atribuírse a esas orixes de liberalismo radical dunha burguesía revolucionaria que seguiu a selo sendo aínda despois de ser ennoblecida. Ela foi a iniciadora e animadora de Concepción Arenal, na cidade na que tamén viviu Rosalía e pouco despois a moza Emilia, mentres a nena Sofía andaba polo pazo de Almeiras. Antes que en 1872 finara Juana, os seus salóns e clubes deberon ser o crisol daquela joint venture feminina galega aínda por explicar.