Arigato

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

16 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito queren en Madrid ao Manolo. Agora é profesor no Barco de Valdeorras, pero hai anos, cando os xaponeses chegaban en masa a Madrid, era taxista. Naquel vehículo contemplou marabillas. Dende a parella que se declarou amor eterno ás cinco da madrugada e quixo que Manolo fose o seu padriño de voda, ata as confesións íntimas dun millonario que cansado dos millóns colleu un avión cara ao Tíbet budista. Todo escoitaba Manolo. Iso si, co taxímetro en funcionamento. Porén, non era a súa función de psicólogo escoitador o que máis beneficios reportaba, senón os xaponeses. Acudían a Madrid cun circuíto turístico definido. Non faltaban os tablaos flamencos. E Manolo, vendo negocio, quixo apuntarse ao carro do éxito. Aprendeu dicir arigato (grazas) e fíxose amigo dun porteiro de tablao. Non había móbiles e os recados deixábanllos nun bar cunha consigna críptica: «Japón al ataque». E alí ía o taxista, con sombreiro cordobés, a agardar a saída do grupo. Estacionaba na porta co taxímetro acendido mentres falaba de fútbol, Hala Madrid, co porteiro. Saían os xaponeses. Agardaban por eles varios taxistas, todos amigos de Manolo. O primeiro na fila, el. O guía do grupo e encargado de pagar os gastos dos turistas, antes de subir ao taxi, distribuía aos compatriotas polo resto dos vehículos. Ao chegar ao hotel o taxímetro de Manolo sinalaba unha cantidade que incluía a carreira do taxi e, de paso, o tempo que el estivera falando de fútbol co porteiro. Se marcaba tres mil pesetas, Manolo sacaba tres dedos pola ventanilla e o resto dos taxis (taxímetro apagado) cobraban o mesmo. Se catro mil, catro dedos. El, que naceu en Ortigueira e traballa no Barco, é coñecido como Arigato. Moito o queren en Madrid.