Xesús Alonso Montero

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

19 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O profesor deixa a presidencia da RAG. Por razóns persoais, segundo explicou diante do plenario, e malia a teima de moitos compañeiros e compañeiras para que continuase, o pasado venres confirmou o que viña anunciando de tempo atrás: que daba o relevo na institución centenaria da lingua galega (1906), a institución de Curros, de Manuel Murguía, de Lugrís Freire, dos Villar Ponte, de Otero Pedrayo e Vicente Risco, de Domingo García-Sabell, de Francisco Fernández del Riego… Logo de catro anos de dedicación, Xesús Alonso Montero conclúe mandato como presidente. 

Ía escribir: Alonso Montero, o Vello Profesor (con maiúscula), e abofé que o adxectivo o merece, por sabedoría, por talante, por currículo e anos de traballo, pola pegada decisiva que deixou en varias xeracións de alumnos e alumnas, algúns deles persoeiros recoñecidos no mundo das letras e na vida social e societaria, tamén política. Ía escribir o aquel de Vello Profesor. Pero non me pareceu dabondo. Con 88 anos andados, de vello, nada. Non hai máis que mirarlle para os ollos e observar a enerxía, a afouteza, o pulo físico e mental, a xenerosidade, a dedicación ao traballo, a forza interior, enerxía contaxiosa que desenvolveu durante estes catro anos de exercicio na función de presidente, a súa comprensión, a súa paciencia… Tamén de cando en vez a súa vehemencia.

Non foron catro anos fáciles. Foron catro anos apelando seguido ao sentido da responsabilidade e afortalando día a día a significación simbólica, científica, social e histórica da institución. Non puidemos atopar daquela persoa máis axeitada e disposta que Xesús, mestre de tantos de nós, mesmo dos que non fomos directamente alumnos seus.

Visiteino por primeira vez na súa casa de Lugo, cando era catedrático de ensino medio, contra o ano 74, a pouco de saír o seu Informe -dramático- sobre la lengua gallega, en castelán, para espallar a causa e os problemas do idioma mesmo alén das nosas fronteiras. Algúns anos antes publicara, practicamente nos mesmos termos, O que cómpre saber sobre a lingua galega, en Buenos Aires (1968). Alá fomos visitalo Anxel Basanta e máis eu nun 600 para lle facer unha entrevista para unha revista universitaria que se editaba en Madrid. Lembro que se nos borrou a cinta magnetofónica e non gravou nada. Pero o discurso do profesor non se nos esqueceu, foi unha pegada luminosa, e puidemos reproducir practicamente todo o que falamos de regreso a Santiago. Parte desa conversa está no capítulo correspondente do meu primeiro libro, Unha ducia de galegos (1976): doce personalidades da cultura galega naquel momento, entre as que non podía faltar el. Catro décadas despois, repaso aquelas páxinas e teño a sensación de que todos volvemos ter vinte anos, como cantaba Guillermo Rojo, e que o futuro aínda é posible.