No Día Mundial da Auga

Francisco Díaz-Fierros Viqueira DE COTÍO

OPINIÓN

22 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Día Mundial da Auga celébrase hoxe, 22 de marzo. Foi instituído polas Nacións Unidas en 1992 despois da Conferencia de Río para lembrarnos, sobre todo, que este elemento resulta esencial para a vida. E como dicía hai pouco Irina Bokova, directora xeral da Unesco: «Necesitamos auga para producir alimentos. Necesitamos auga para producir enerxía. Mellorar o acceso á auga significa tamén que millóns de nenas e nenos poidan ir á escola en vez de ter que andar quilómetros para chegar ao pozo. Significa mellorar a saúde materna, reducir a mortalidade infantil, preservar o medio ambiente…».

De todas maneiras, ata o ano 2010 a auga non foi recoñecida polas Nacións Unidas como un dereito esencial do home, daqueles que pertencen á terceira xeración de dereitos humanos e tratan de responder ao principio de fraternidade entre os pobos e que foron desenvoltos a partir dos anos setenta. Anteriormente, despois da Segunda Guerra Mundial, proclamáronse os dereitos relativos á igualdade (emprego, vivenda, educación, saúde, etcétera) e, inicialmente, coa Declaración Universal, os relativos á liberdade inherente ás persoas.

Pero, en que medida este dereito estase a cumprir na actualidade? Se consideramos os Obxectivos do Milenio que as Nacións Unidas propuxeron para o ano 2015, diríamos que no relativo á auga só se acadaron en parte, pois o obxectivo de que a poboación con dispoñibilidade de auga potable chegase ao 90 por cento do total mundial, foi superado, pero non se conseguiu que o 75 por cento tivese un saneamento axeitado.

Por outra parte, se nos preguntamos cal sería a maior ameaza que se proxecta sobre a auga no planeta teriamos que contestar que xa se están a demandar a metade dos recursos hídricos dispoñibles para os diferentes usos. E se miramos este problema de cara ao futuro non faría máis que agravarse pola medra da poboación e mellora prevista do nivel de vida. Pero aínda moito máis preocupantes serían os efectos dos residuos que chegan á auga, que precisaría, para que se lle devolvese a calidade inicial, de oito a dez veces o volume que contaminan.

E como están os asuntos da auga en Galicia, o país dos dez mil ríos de Cunqueiro? Grazas á chuvia que cae xenerosa case todos os anos, vanse solucionando moitos problemas. Lava con eficacia os residuos, enche os pozos e canles e axuda para que estes debuxen fermosas paisaxes que confortan os sentidos. Pero non podemos esquecer que os encoros e o desenfreo urbanístico domesticaron de mais os nosos ríos e que o lixo urbano e agrario (¡ai dos xurros!) ameazan de xeito grave e permanente a calidade da auga. Os recursos hídricos son sistemas fráxiles que se poden estragar con moita facilidade. De aí a nosa responsabilidade diante deles. Defendámolos agora que aínda estamos a tempo para que non se tomen camiños que non teñan volta.