Amén

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

23 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende que en Madrid solicitaron que se suspendese a emisión da misa en TVE, o Juan Ramón do estanco está exultante. E todo pola súa santa sogra, a señora Antolina, unha encantadora dama estremeña. Juan Ramón madruga a diario e aproveita a fin de semana para recuperarse. En Verín vémolo só nalgunhas ocasións os domingos e nunca antes da unha da tarde. O do estanco afirma que é un delito mañanear nun día inventado para repousar e durmir. En Plasencia, onde vive a súa sogra, tamén tiña a mesma intención. As primeiras veces que pernoctou na súa casa seguía os costumes verinenses: levantarse ás doce. Todo mudou cando a confianza coa súa familia política foi absoluta. Quéreno moito e el moito os quere, a pesar de que en Plasencia todos son do Madrid: unha tendencia que o do estanco non admite con alegría. Pero se ten que dicir Hala Madrid, Juan Ramón di Hala Madrid. «Qué fácil é levarse ben, neno», dime chiscándome un ollo cómplice. Entendémonos dende hai moitos anos, a pesar do que discutimos. Eu digo si, el non. E se ao momento lle digo non, responde: Pois si. Estar co do estanco e non discutir é imposible. Só cala na piscina. Despois de comer, calquera día do verán, bota unha sesta por riba da auga. Flota e dorme. Unha marabilla. Tamén querería durmir os domingos en Plasencia. Pero a súa sogra, seguidora da misa en televisión, non o deixa. Cando o cura di «la paz del Señor esté siempre con vosotros», ela levántase mentres contesta «y con tu espíritu». E cando proclama «démonos fraternalmente la paz», vai ao cuarto da filla e do xenro. Espértaos cun enorme abrazo e dilles: «La paz sea con vosotros». Ao Juan Ramón non lle queda máis remedio que contestar «amén, señora Antolina, amén».