As razóns dun xornal

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Existe unha metáfora clásica na comunicación segundo a cal un xornal pode compararse a unha estada, andamio que se levanta arredor da sociedade, que é un edificio en construción permanente. O traballo de información e opinión (os xornalistas) configura decote os valores desa sociedade (os lectores), xerarquiza os seus intereses, os seus comportamentos, a axenda de cada día pola que nos guiamos e, a través da cal, interpretamos (enxergamos) a realidade. A imaxe é de Vladimir Ilich Ulianov, Lenin, e refírese ao periódico Iskra, voceiro da revolución bolchevique a partir de 1917, pero serve para describir a significación dos medios de comunicación de masas en xeral.

As cousas existen porque saen nos xornais. Velaí a responsabilidade do xornalismo. Nas sociedades contemporáneas, sociedades abertas e democráticas, a cuestión é certamente máis complexa: están os medios audiovisuais, a radio, a televisión, a publicidade, agora as redes sociais… A comunicación desenvolveu nos últimos cincuenta anos unha tecnoloxía moi complexa que converteu o mundo nunha grande aldea (ás veces literalmente) e configurou un modelo novo (a interactividade) que permite que cada un de nós poida exercer ao mesmo tempo de receptor e de emisor. Os chamados self media, artefactos persoais, mesmo de carácter doméstico, a telefonía móbil de última xeración sobre todo, permiten unha intervención permanente no sistema, ás veces de xeito indiscriminado, que se activa en todas direccións e que se multiplica arreo, de xeito que o alatexo leve dunha bolboreta en Kuala Lumpur pode provocar un tsunami nas praias do outro extremo do planeta, ou no Parlamento británico.

E velaquí que neste mundo complexo e fascinante La Voz de Galicia cumpre 135 anos. En breve será século e medio de historia, que equivale a dicir case que a historia toda da Galicia contemporánea, a Galicia da modernidade, que empeza a expresarse contra a segunda metade do século XIX e ten na prensa (nos medios impresos), igual que sucede noutras sociedades, o modelo de expresión e socialización máis significativo. Logo veu o cine, a radio, a televisión, a Internet... Mais os xornais, mesmo os xornais en papel, seguen a ser a referencia dominante no discurso dos valores que enunciabamos máis arriba.

Queirámolo que non, con máis de 600.000 lectores diarios, este periódico exerce cada día ese papel de estada do que falaba o clásico. Velaí, repito, tamén a súa responsabilidade. Afortunadamente non é o único, porque as sociedades democráticas son sociedades abertas, onde distintas voces configuran o poliedro plural de intereses que conforman a realidade. Pero van 135 anos! O tempo e a credibilidade son os grandes activos dos que pode presumir unha empresa de comunicación: a forza da tradición e a lealdade dos lectores.

Parabéns.