A voz de Galicia

Lourenzo Fernández Prieto
lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

28 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando empecei a mercar a Voz no quiosco de Florita, miroume dende o escaparate aquela Marisol da portada de Interviú. Era setembro de 1976 e aínda non era o xornal máis que centenario de hoxe, nin o cuarto máis lido do Estado, pero naquela pequena librería daquel barrio ferrolán todo o mundo a chamaba así, en galego, a Voz, e case todo mundo a consideraba así: a voz de Galicia. O que alí poñía era ben dito e todo o novo que pasaba aparecía alí. Non había tanto que Florita nos vendía El Capitán Trueno, pero a historia que agora nos interesaba, a que estaba pasando diante dos nosos fociños, só a contaban algúns xornais e algunha revista. 

Cando se fundou La Voz de Galicia aló por 1882, en plena resaca do sexenio democrático, os novos diarios reagrupaban intereses políticos e sociais que se declaraban na primeira páxina, debaixo do nome, para que ninguén os confundira. O xornal que funda Juan Fernández Latorre ao volver do segundo exilio francés era como el, republicano e librepensador. Exiliárase cos sarxentos que se rebelaran en 1866 no cuartel de San Gil e volvera como deputado republicano, marchou de novo fuxindo do cabalo de Pavía e retornou de vez para fundar este diario e ser deputado demócrata liberal nas Cortes da Restauración.

O máis interesante de ollar para a historia ten que ver coas preguntas que nos fagamos no presente e cunha contextualización non anacrónica do pasado. A pregunta neste caso vén sendo como explicar que dos nove xornais do Estado que, como La Voz, veñen publicándose ininterrompidamente dende hai máis de 135 anos tres sexan galegos -dos tres portos principais- e dous cataláns -de Barcelona-. Di moito de Galicia e dun pasado menos escuro, menos ágrafo, menos analfabeto e menos atrasado do que nos temos contado. Tamén di bastante da burguesía revolucionaria, liberal e emprendedora que nos habitou e que segundo algunhas lendas nunca existiu.

Os outros catro xornais son de Cádiz, Xixón, Valencia e Valladolid. Nada ten de estraño ese dominio da periferia, que di moito dun pasado plural, socialmente pouco centralista. Tampouco pode estrañar a identificación dun demócrata republicano de finais do século XIX con Galicia a través do federalismo, pois era a forma máis xenuína de ser demócrata nesa altura, cando as repúblicas federais americanas eran a proa do progresismo político polo mundo adiante.

Os 135 anos deste xornal informan daquel pasado, pero aínda máis dan conta do presente. O vello reino de fidalgos que se presumían herdeiros dunha grande e antiga nobreza morrera coas sete provincias había medio século. A identificación do nome do xornal co país no que se ubica e ao que se dirixe, non coa cidade nin sequera co xentilicio, fala da vocación por definir un suxeito político colectivo que naquela altura estaba a perfilarse. A vontade de expresión social e política do país non se inventa entón, pero aséntase daquela en novos formatos sociais e tecnolóxicos. E a historia non para.