As meigas de Pujol

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

29 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos Pujol caeulles un meigallo enriba. Co bos e dadivosos que son... resulta incomprensible estar na boca do mundo por unha herdanza do avó Florenci. Mellor non ter avós ricos, que vaia lea se montou. A eles, que non teñen un can, di a matriarca, aseverando que os fillos andan cunha man diante e outra detrás. 

Diría que é unha vinganza da bruxa Adelina, coa que consultaba Jordi Pujol os seus problemas persoais, políticos e económicos. Non sexan mal pensados, que o negocio non o facía a meiga, senón el. Ela vivía tranquilamente en Andorra, pero trasladouse a Barcelona a montar unha consulta e atender aos amigos políticos do ex presidente. Cobraba a consulta, pero despois de que el gañase o dobre por permitirlles usar os servizos da súa vidente. Ai, ai, Adelina. Ai, ai, Jordi! Menos mal que un dos fillos ten corazón e regala a outro irmán os 500.000 euros que o incomodaban na conta porque era moito carto xunto.

Menos mal que ocorreu en Cataluña! Se é aquí onde o político rouba ao pobo a mans cheas axudado polos poderes dunha meiga, a que atenderían os titulares? A que «habelas hainas», e a que os galegos seguen votando aos que lles chuchan os cartos. E logo viría todo iso do caciquismo e a personalidade servil. E veña que dálle, porque os galegos, xa saben o que din por aí, somos tontos.

Seremos. Mais Jordi Pujol e familia pregoan ben fachendosos que son cataláns ata a medula.

Pois iso, que lles quede claro. As meigas seica non só traballan para os galegos.