Nova York/París

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

30 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

sobriña do Mariló é unha talentosa licenciada en Filoloxía Inglesa. Foi ela quen lle proporcionou algún consello antes de ir co Bernardo a Nova York. Andaban daquela preocupados polo inglés, lingua que non dominan. A sobriña deulles consellos e un especialmente: dicir sorry a miúdo. Os americanos son remirados coa educación e iso de pedir perdón a cada paso agradéceno moito. Porén, o Mariló viu máis inglés dicir chorry en lugar de sorry e dende que descubriu a palabra non deixou de repetila. Neno, chorry, de qué escribes o xoves, pregúntame cada semana. O día que partiron cara Nova York prometéronme un disco pirata de Bruce Springsteen e aínda estou esperando por el. No seu lugar, un chaveiro que pon «I Love NY». Iso si, temos pendente unha viaxe xuntos. E todo porque eles xa dominan Nova York. En Manhattan, o Mariló paraba os taxis coa man levantada e chorry na boca. Para procurar algún monumento da cidade levaba un mapa, o dedo sinalando o lugar e unha frase lapidaria para interrogar a calquera transeúnte: «Míster, chorry, sabe onde queda este sitio?». O caso é que regresaron felices. E tanto gusto lle colleu o Mariló aos idiomas que cando a cuadrilla sae a outro país, el fai de intérprete. En París, por exemplo, atreveuse a pedir de comer nun restaurante típico do Barrio Latino. Deixádeme a min, gritou con decisión. Dirixiuse ao camareiro e con educación exquisita ousou dicir: «Bisté e pataté para todos». O camareiro mirouno de arriba abaixo e aos poucos minutos todos tiñan prato de carne e patacas fritidas. Ao saír, o camareiro díxolle: «Boas noites». O Mariló, medio en broma, contestou: Chorry. Qué fame pasarían en París se aquel home non nacese en Betanzos.