Sumar vontades

Víctor F. Freixanes
VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

02 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribo esta marea consciente da miña nova condición de presidente da Real Academia Galega, institución centenaria da lingua e da cultura, a casa de Curros e de Manuel Murguía, unha honra que os compañeiros e compañeiras de corporación me fixeron e que asumo como unha grande responsabilidade. Non vou dicir que esta sección dos domingos que tan xenerosamente me ofrece La Voz dende hai anos vaia ser voceiro de nada. De ninguna maneira. Levo escribindo neste xornal de xeito case que ininterrumpido dende o ano 1976, ¡catro décadas!, sempre en galego, e non quero deixar de facelo, naturalmente a titulo persoal, como cidadán e como escritor. A RAG ten as súas propias canles de expresión. Mais son consciente de que un leva canda si etiquetas ou representacións que o condicionan, e os lectores non lemos só a quen opina senón case sempre a significación pública ou institucional de quen opina, neste caso o novo presidente da RAG. Entenderase, xa que logo, a miña prudencia e o esforzo por manter a ecuanimidade nos meus xuizos, esforzo que intentei sempre, pero que non é o mesmo cando se opina a titulo persoal que cando un leva detrás unha institución como a que nomeamos. Seica chocou nalgúns medios a comparación futbolística cos xogadores no campo, comparación que apuntei na roda de prensa posterior á miña elección. Referíame aos traballos da corporación, que como todas as empresas dispón sempre de recursos limitados, pero referíame sobre todo ao país, a todos nós, esta Galicia. que nos aviva e ás veces nos doe. Ben colocados no campo os xogadores, motivados, cunha estratexia razonable, sen complexos e apretados, non hai por que temerlle ás dificultades. Mesmo os partidos máis adversos poden acabar en vitorias se se xogan con pulo, organizadamente e con entusiasmo. Os adestradores ben o saben. Corazón e cabeciña, así me gustaría actuar, pensado non só na institución que representamos senón, moi fundamentalmente, no conxunto da sociedade galega. Porque a lingua, que é noso principal obxecto de atención e coidado, é a representación simbólica que un pobo, unha colectividade, unha nación constrúe ao longo dos séculos e a través da cal explica o mundo, socializa a súa xente, afirma os seus valores e mesmo escribe a crónica do seu tempo. En gran medida, a historia da lingua galega é a historia de Galicia: cos seus abalos e devalos, cos seus momentos de esplendor e os seus momentos de abaixamento ou desacougo. Así se escribe tamén a historia dos pobos, da súa autoestima, da seguridade ou inseguridade que senten de si, que como dixen antes é a crónica de cadanseu tempo histórico. Non é casual que cando a lingua acada os momentos de maior esplendor e uso é cando o país se sente mais seguro, mais realizado. Sen estar contra ninguén. Nunca dividindo. Sempre, na medida do posible, sumando.