Bob Dylan e a cultura galega

Xose Carlos Caneiro
xosé carlos caneiro EL EQUILIBRISTA

OPINIÓN

03 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O venres 24 de febreiro cumpría a nosa Rosalía de Castro 180 anos. Dixen algunha vez que ela e Camilo José Cela son os referentes principais de Nós no mundo. Nós, entendido como a cultura. Nela póñome a pensar nesta ocasión, outra vez. A cultura galega ten un premio Nobel de literatura. Poucos pobos do planeta teñen acadado tal eximia distinción.

Este ano, do Nobel que acaba de recoller Bob Dylan, quedan as palabras que a embaixadora de Estados Unidos en Suecia, Azita Raji, dixo no seu nome hai varios meses: «Como intérprete toquei para 50.000 persoas e para 50 e podo dicir que é máis difícil tocar para 50 persoas. 50.000 persoas son unha soa, non así 50. Cada persoa ten unha identidade individual, separada, un mundo en si mesmo».

Corroboro o seu criterio e atrévome a reflexionar sobre o moito que ten isto que ver connosco, os galegos. Somos un pobo pequeno. Non chegamos apenas aos tres millóns de habitantes. Entre nós somos hipercríticos, tanto que nada nos parece ben. Desprezamos o éxito dalgún dos nosos.

Ata nos atrevemos a cuestionar en ocasións a un dos homes máis ricos da terra, galego de corazón, e que edificou e edifica o seu imperio desde unha vila como Arteixo e desde unha cidade como A Coruña. Vemos sempre a migalla no ollo propio e raramente a viga no alleo.

É unha realidade. Por iso me rebelo contra o rancor. Contra a resta e a disminución. Son e quero ser un aliado das sumas. Galicia precisa sumar. Ao longo da miña vida situeime a favor da cultura galega.

Desde a incomodidade, incluso, que me procura non pensar o mesmo que pensan outras xentes do meu oficio. Ser libre ten un prezo. Non selo, tamén. Os que se atan ao dogma e á doutrina para facer da cultura galega un coto pechado, equivócanse. Agora, nos 180 anos de Rosalía, coido preciso reflexionar sobre nós mesmos. Ela escribiu en galego e castelán. Os xenios Valle Inclán ou Cela, só nesa lingua. O español forma tamén parte da nosa cultura. Negalo é un disparate maiúsculo. Cela e Valle e Torrente, e a Rosalía de En las orillas del Sar ou La hija del mar, son nosos tamén. Pero eles, os escritores galegos en español do século XX, escolleron o camiño máis fácil. É preciso significalo. O difícil é o outro: escribir nunha lingua que falan tres millóns de persoas e ter como mercado un público diminuto.

Os creadores galegos e en galego non só merecen o noso respecto, obviamente, senón que merecen maior recoñecemento do que a sociedade ofrece. Escribir para cincuenta é máis tortuoso que escribir para 50.000, dixo Dylan, premio Nobel.

Nós temos a outro Nobel, Cela. Dicía: «El que resiste, gana». Pero o que só resiste, dixo Barreiro Rivas nestas mesmas páxinas, acaba perdendo. Somos diferentes porque posuímos, ademais do español, unha lingua alta e propia e distinguida. Espero e quero e creo nas mil primaveras que merece a nosa cultura. Velaquí a gran fábrica de Galicia.

O difícil é o outro: escribir nunha lingua que falan tres millóns de persoas e ter como mercado un público diminuto.