Os espléndidos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

06 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O noso Bosco de Terceira División era espléndido. Non ganabamos demasiados partidos, pero celebrábamos con igual euforia derrotas e vitorias. Triunfamos en Vigo e na Coruña, en Vilagarcía e Lugo, e tamén perdemos. Só houbo un lugar onde nunca fomos capaces de vencer: Ferrol. Eran os mellores. Armando, o noso adestrador magnífico, sabía que nada se podía facer naquelas visitas. Ano tras ano e paliza tras paliza. No autobús de volta escoitabamos esa que cantan os Luthiers: Nos pasaron por encima y nos ganaron, nos dejaron en derrota, perdimos, perdimos, perdimos otra vez. Xogabamos un domingo ás doce e facíamos noite en Ferrol. Decidimos escapar do hotel por ver se coidándonos un pouco menos conseguíamos distraer á nosa besta negra. Nunca se sabe. Din que Maradona xogaba mellor cando saía de festa a noite anterior. Pero nós non somos Maradona. Escapámonos Moncho Novoa, Juan Carlos Abelleira, eu mesmo e outro máis ao que non lle escribo o nome. Era o mellor do equipo. Un pívot que nos collía os rebotes e, xunto con Moncho, nos engrosaba o marcador. Non debeu saír connosco. Acabamos nun billar contemplando unha película tripla X e con varias copas succionadas. O pívot, cando a película pasaba un fotograma que dicía The End, mareóusenos. Como puidemos levámolo ao hotel sen que Armando se decatase. Pero nunca puidemos enganar a Armando. Cando saímos á cancha poucas horas despois, contemplando con ironía o marcador (Ferrol 0?Ourense 0) proferiu un grito desde o banquiño antes de que o árbitro arrincase a contenda. Dispostos a disputarnos o balón de inicio, gritou Armando: «¡Nenos, a manter o resultado!». Aquel día perdemos de setenta e dous puntos. O noso Bosco era un equipo espléndido.