O cemiterio dos amigos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA

OPINIÓN

09 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é a primeira vez que falo deste lugar, o camposanto de San Francisco, ladeira do Montealegre, antiga sé da orde franciscana, dende onde se divisa a cidade toda de Ourense coma unha grande e fermosa leoa deitada aos nosos pés. Case que todos os anos, por estas datas, ou no mes de decembro en lembranza de Eduardo Blanco Amor, un grupo de amigos subimos ata esta altamira, coma quen se empoleira na varanda do mundo, e honramos a memoria dos que foron, figuras sobranceiras das letras os máis deles, pois é o que nos convoca: nesta ocasión a memoria de Ramón Otero Pedrayo, que finou o 10 de abril do ano 1976 e aquí repousa ao carón da súa dona, Josefina Bustamante, na parte alta do castro. Un pouco máis abaixo, a campa dos avós, Ramón Pedrayo Silva. A poucos pasos, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, o seu amigo dende os anos de Ateneo de Madrid, o poeta Ángel Valente…

Da man de Alfonso Monxardín e Patricia Arias Chachero subimos un ano máis ata estes miradoiros e repasamos a memoria de Valentín Lamas Carvajal, Xavier Prado Lameiro, Marcelo Macías, os Martínez-Risco, Florentino López Cuevillas, Xaquín e Xurxo Lorenzo, Paz Novoa, Eduardo Moreno López, Parada Justel, Manuel Peña Rey, Prego de Oliver, Leuter González Salgado… Algúns son amigos moi próximos, moi achegados a don Ramón. Noutros casos son devanceiros, ou máis recentes, como Pura e Dora Vázquez, que tamén están aquí, e o poeta Antón Tovar, e Xosé Ramón Fernández-Oxea Ben-Cho Shey

Na campa de Ben-Cho-Shey pode lerse o célebre epitafio de quen durante os anos difíciles da ditadura foi embaixador do libro galego en Madrid, conselleiro e guieiro dos traballos de Editorial Galaxia nos anos cincuenta e sesenta, anfitrión dos mozos galeguistas que chegaban daquela a estudar nas aulas da universidade, o grupo Brais Pinto entre outros… Di don Xosé (o Ramón é apelido) que está alí para recibir a visita dos seus amigos na nova morada, pero que non se aceptan homenaxes: as cousas que se han de agasallar ou se agasallan en vida ou mellor deixalas correr. Sabia filosofía que deberiamos aplicar, xa que tan avaros somos no recoñecemento e no agarimo, fóra das necrolóxicas floridas. Miserias.

A viaxata polas campas do cemiterio, guiados polo Monxardín e pola Coral de Ruada, pousando camelias da casa grande de Trasalba, foi emocionante. Somos o que somos. Pero moi fundamentalmente somos na memoria consciente dos que pasaron antes ca nós e en cuxa obra ou memoria nos recoñecemos. O cemiterio de San Francisco, en Ourense, que algúns denominamos o cemiterio dos amigos, porque así lle gustaba nomealo ao propio don Ramón, é un territorio distinto, territorio liberado da cultura de noso: da cultura galega e do galeguismo contemporáneo, entendido na súa acepción máis ampla, xenerosa e acolledora. Non é o único, pero certamente é moi principal.