Unha esquerda sen norte

OPINIÓN

10 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A esquerda, incluída como tal a socialdemocracia, leva aparellada unha visión crítica da realidade para chegar a unha acción transformadora con capacidade de cambio. Isto é o que foi, pero xa non é, o que por esquerda se tivo en Europa e, con toda seguridade, nalgúns outros países. 

Calquera programa terá fundamento nas ideas de crítica, transformación e cambio. ¿Por que entón a esquerda, en Europa, non é quen de presentar un programa que responda a esas ideas como antes soubo facelo, executalo e dar configuración a toda unha época de prosperidade de Europa? A resposta é ben sabida: porque claudicou, porque se deixou caer nas gadoupas do neoliberalismo, porque sucumbiu, por moi diversas causas, diante do poder financeiro. Hoxe non hai disto dúbida ningunha.

O problema, paréceme, está agora en se hai ou non hai capacidade política para poñer en práctica un programa que teña como améndoa as ideas de crítica, transformación e cambio, cando ocorre, como é evidente, que o poder financeiro e económico se apoderou do Estado. Non se trata de deseñar un programa senón de ter capacidade para executalo.

Non só está desnortada a esquerda, porque nin sequera suxire un programa novo, senón, o que é máis importante, porque semella sentirse incapaz de desfacer o novelo que ela mesma axudou a crear e a asegurar, en colaboración nefasta con poderes ben coñecidos contra os intereses das clases menos favorecidas.

Nin crítica nin cambio se pode esperar dunha candidata á Secretaría Xeral do PSOE cuxo programa é dicir que quere gañar, que estará onde os compañeiros digan, diante ou detrás, e outras simplezas que deixan a un abraiado, exemplo tráxico do que queda dunha esquerda desnortada, domesticada, allea a si mesma. Vaia panorama!