Futuros pasados nas primarias do PSOE

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

19 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas primarias do PSOE discútese, con risco certo de escisión, se o partido pode recuperar un pasado de éxitos sen competidores ou asume un presente de crise con moitos competidores. Non tivo competidores Felipe á dereita nin á esquerda até que GAL, corrupción, pinza e desgaste liquidaron o seu Goberno; tampouco Zapatero, por moito que gañara inopinadamente, até que pasou o que pasou. O pasado de éxitos está tan mitificado -por Susana Díaz- que pode converterse nunha fonte inconmensurable de erros para uns socialistas que teñen que lidar coa crise da socialdemocracia europea e cun sistema político hispano moito máis plural. 

Foi un partido pioneiro na convocatoria de primarias en Europa (1998), como resposta á derrota, pero tamén ao paso do tempo e á mudanza social. Pero ao ser o primeiro foi tamén o que cometeu máis erros: o de Borrell foi clamoroso e segue hoxe a perseguilos. As primarias foron unha resposta da esquerda europea -imitando o modelo americano- a unha sociedade máis formada politicamente e máis participativa, á que non lles servían nin os cesarismos nin os estritos cenáculos partidarios clásicos, e foron estendéndose polo arco político de case todos os países, agás Alemaña.

Pero o problema non é facer as primarias, senón aceptar o resultado. O PSOE enfróntase a un problema tipicamente democrático: aceptar o que decidan en votación os afiliados. Os tres candidatos dirimen estilos, culturas, tendencias, tradicións e mesmo territorios diferentes pero o problema fundamental segue sendo, como cando Borrell, se o aparato e a aristocracia socialista (sempre a aristocracia!) aceptarán a vitoria do candidato que combaten: Pedro Sánchez. Aí é onde se dirimirá se a estrutura e a cultura partidaria son ou non democráticas. Así de cru e así de obvio, porque o contrario a aceptar a lexitimidade do gañador dunhas eleccións sempre conleva un golpe, de Estado ou de partido, no PSOE ou en Venezuela.

Tense dito que os aparatos dos grandes partidos españois teñen unha feitura moi leninista. Non é de estrañar, tendo en conta que ese era o único -ou dominante- modelo partidario cando as primeiras eleccións de 1977, e que por iso a lóxica de centralización e disciplina do partido por antonomasia estendeuse aos demais. No PSOE, que viña dunha tradición máis plural cun mínimo de tres tendencias históricas, o estilo leninista copiouno Guerra na procura da máxima eficiencia, pero tamén foi nutrido polos ex-PC incorporados sucesivamente -algúns como Areces ou Caballero aínda con mando- despois da abafante diferenza entre as dúas forzas de esquerda (118 a 20) que resultou da primeira competición electoral.

Por todo isto, pode que o candidato con menos posibilidades, Patxi López, acabe sendo o máis decisivo dos tres. Porque se gaña Sánchez, só a Patxi vai competer evitar unha ruptura que non poderá evitar o núcleo duro do aparato tradicional. Poden os vellos partidos ter aínda resortes de intelixencia colectiva e partidaria? Habémolo ver.