Curros Enríquez e a crucifixión

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

21 abr 2017 . Actualizado a las 09:00 h.

O 14 de abril de 1895, o gran periodista Manuel Curros Enríquez (non só foi excelso poeta) publicou na Habana o artigo El símbolo. Fíxoo na súa revista La Tierra Gallega en datas nas que a Igrexa católica conmemoraba un dos «sacrificios más grandes de que hay memoria», «aquel brutal atropello de la debilidad por la fuerza». Así comeza o artigo do eximio periodista que, na mesma páxina, lánzanos esta pregunta: «¿Qué ha hecho Jesús para merecer la muerte?».

Estamos, sen dúbida, ante un texto de Curros que sorprenderá a moitos, mesmo a non poucos profesores de Literatura Galega, gremio no que non escasean os profesionais pouco propensos a leren os textos casteláns dos escritores que explican. Sorprenderá a moitos porque hai unha idea de Curros Enríquez pouco científica. En efecto, o Curros anticlerical, o Curros clerófobo, era un espírito fondamente relixioso, afervoado sempre cos signos radicalmente espirituais do cristianismo, como nesta ocasión.

Tamén sorprenderá a moitos o que hai de «político» e de «galeguista» nun artigo no que Cristo é condenado por amar á súa patria: «Tal es Jesús a la luz de la Historia, el mártir del amor a su patria, que resulta mártir de la causa de la Humanidad». Xa aquí, o autor, o sagaz cronista, lémbranos que Xesús, ao predicar o seu ideario, só se valeu do instrumento da palabra e que ese instrumento non era o hebreo culto, que non dominaba, senón o arameo, «uno de los dialectos menos literarios de cuantos se hablaban entonces en Judea». E como corolario, o perspicaz periodista escribe: «Los que condenan el cultivo de los dialectos deberían fijarse en esa circunstancia para convencerse de que no es preciso apelar a las lenguas oficiales impuestas, ni al idioma de los sabios, para producir obras trascendentales. El Evangelio representa el triunfo de un dialecto judío, como la Ilíada de un dialecto griego y la Divina comedia el de un dialecto italiano». (Temos que ser un pouco benévolos con algún dos exemplos: Curros falaba con máis paixón pro domo sua que con rigor filolóxico).

Curros Enríquez, despois de afirmar que o decreto que condenou a morte a Xesús foi a «mayor infamia de Roma», engade que «lo que ayer hacía Roma con Jesús, hoy lo hace Madrid con Galicia», palabras que, aínda sendo excesivas (ou por iso), permítennos coñecer ben o que o ilustre escritor, daquela residente nunha colonia española (Cuba), pensaba do centralismo e da marxinación de Galicia.