O Día da Terra

Francisco Díaz-Fierros

OPINIÓN

21 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pilar Canicoba

O día 22 de abril do ano 1970 representa para moitas persoas o comezo do movemento ambiental moderno. Ocorría en Estados Unidos e fora convocado polo senador Gaylor Nelson como un xeito de protesta contra o deterioro ambiental que estaba a experimentar o planeta. A resposta foi masiva e sorprendente, porque máis de vinte millóns de americanos se botaron á rúa nas diferentes manifestacións que percorreron o país. Desde Europa ollábase con incredulidade e asombro o que alí estaba a acontecer: «Xa suman millóns os cruzados do movemento ecolóxico. Toda América, mobilizada polo Día da Terra», escribía Il Corriere della Sera na xornada seguinte. 

Que estaba a suceder? Agromaba dun día para outro esta xigantesca manifestación? Evidentemente que non, pois sobre o chan americano estaban a desenvolverse desde había varias décadas unha serie de correntes de opinión e activismo que tiñan como centro unha nova análise crítica das relacións do home coa natureza. Aldo Leopold clamaba por unha ética ambiental que penalizase moralmente o deterioro dos recursos naturais, pero sobre todo Rachel Carson, co inesperado éxito do seu libro A primavera silenciosa, abríalle os ollos aos seus lectores con relación aos perigos dos praguicidas, eses «velenos dos Borgia», como os describía ela, que se espallaban por todas partes, mataban os paxaros e silenciaban os tradicionais sons dos bosques e as grandes praderías americanas.

Por outra parte, un movemento contracultural que se espallaba de costa a costa estaba a expresar a súa insatisfacción con música e eventos desmadrados e coloristas. Pero, sobre todo, sería o rexeitamento da guerra do Vietnam o que mobilizaría dun xeito máis radical as novas xeracións. Este alento destemido e inconformista foi o que quixeron aproveitar os organizadores do primeiro Día da Terra, polo que escolleron coidadosamente unha xornada da primavera que non tivera problemas escolares (agardaban que fosen os estudantes os seus principais protagonistas). E así, nese mércores, 22 de abril, naceu este Día. O anecdótico desta data é que coincide co aniversario do nacemento de Lenin, feito que aproveitou o inefable Edgar Hoover, director do FBI, para ofrecer unha proba indiscutible de que aquilo «estaba organizado polos comunistas».

Dentro de poucos anos cumprirase o cincuentenario deste acontecemento e con el, da primeira manifestación pública importante dos problemas ambientais contemporáneos. Xurdía unha nova conciencia sobre as relacións do ser humano co seu contorno da que fomos, os que temos xa unha certa idade, primeiro espectadores e despois protagonistas. Para os nosos fillos e, sobre todo, os nosos netos, a protección do medio ambiente é xa unha situación dada e indiscutible. Agardemos que neste novo Día da Terra este progreso cultural se manteña coas próximas xeracións, a pesar de que aínda se sigan a ollar algúns nubarróns polo horizonte.