O baile de Kaxarranka

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

30 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O meu amigo Fermín Galindo, vasco de nación, que leva vinte e cinco anos traballando entre nós, entre Bilbao e Santiago de Compostela, di que, se lle deixasen escoller, escollería dúas cousas dos galegos; dúas cousas que levaría para a súa terra vizcaína: o pan e o humor. Álvaro Cunqueiro dicía que a lingua galega, para ser auténtica, ten que saber a pan: a pan feito e levedado no forno dos avós, patrimonio antigo da tribo. Nada se parece máis ao corazón das cousas que o arrecendo do pan recén cocido. Tocante ao humor, Vicente Risco dicía que «é a defensa dos indefensos», mecanismo da intelixencia para sobrevivir mesmo nas situacións máis atravesadas. A súa versión popular vén sendo a retranca. Para compensar, o amigo Fermín regálame unha tradición da súa terra, que é a que hoxe quero contar aquí: o baile da Kaxarranka, na vila vizcaína de Lekeitio. 

Na mañá do día 29 de xuño, sae a procesión de San Pedro polas rúas da vila, e na procesión van oito mariñeiros portando unha arca enriba da cal vai un danzante fardado con camisa, alpargatas e pantalón branco, ao xeito dos euskaldúns, faixa colorada, frac e chisteira. A procesión para na praza, para despois diante do concello e detense, sobre todo, diante da Confraría de Pescadores, símbolo da vella tradición, pois o danzante vén ser o antigo secretario ou mordomo da confraría, e na arca van os tesouros do oficio, o diñeiro recadado durante o ano e os papeis que acreditan a súa autoridade. O danzante é o mordomo entrante, que depositou na arca os diñeiros que han garantir a súa honradez de xestión durante o ano, ao tempo que se detén diante da casa do mordomo saínte para devolverlle, ben revisados polo colectivo de mareantes e diante de toda a comunidade, os diñeiros e os papeis que no seu día alí foron depositados polo anterior secretario. Así dan o relevo e manteñen a tradición, con música de txistus e tamborís.

O interesante da cerimonia, que aparece datada dende o século XV, é a súa significación administrativa e comunitaria. O baile de Kaxarranka, que así se chama, vén ser o baile da honradez de xestión: a proclamación pública da administración dos bens do vello oficio do mar, confirmado e celebrado diante de todo o mundo. Música e transparencia administrativa. Os oito mariñeiros terman do arcón, enriba do cal baila o mozo, e apoian xa que logo a xestión do secretario saínte, fiscalizada perante a comunidade, ao tempo que anuncian o relevo, a sucesión do secretario entrante, que á súa vez deberá depositar testemuño dos seus bens, a xeito de garantía, para a administración dos doce meses seguintes.

Non é pouco, nos tempos que corren. A saber que bailes, que tamaño de arcón, que músicas ou garantías deberiamos esixir arestora na xestión pública para recuperar a dignidade do común, que en Lekeitio revisan cada ano e seica manteñen viva.