Quen vai ao cárcere?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

02 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Lin neste xornal unha entrevista que lle fixeron a un ex-directivo dun banco, e o titular dicía que xamais pensara que ningún banqueiro podería acabar no cárcere. Ao principio entroume a risa, mais ao instante xa me decatei de que a cousa non era para estar contentos.

Agora (e hoxe máis ca nunca) estamos tan afeitos que xa non nos estraña nada. Perdemos por completo a capacidade de sorprendernos coa cantidade de xente que está inmersa en procesos xudiciais por non cumprir coas súas obrigas e prexudicar ao veciño (quen di veciño di cidadán).

Políticos, banqueiros, traballadores da Xustiza, gobernantes, traballadores das forzas de seguridade... Non o digo eu, estiven documentándome en diversas fontes. E asusteime. Porque precisamente esta xente, en teoría, é a que ten que velar pola integridade e bo camiño da sociedade. E resulta que encabezan o podio da corrupción. Mal imos así.

Entendo a incredulidade deste home, que me saca uns anos de vida. Cando el era coma min, seguramente non estaban á orde do día os continuos casos de desfalco, que hoxe enchen os noticiarios. Meus pais tamén se asombran con el. É un comentario que facemos moitas veces. Eles dóense ao ler o xornal, con tanta nova desalentadora, eu xa case nin me inmuto.

Entendo agora que se preocupen ante a miña pasividade. Nos seus tempos, esta non era a xente que ía ao cárcere. Pasou unha xeración, e o universo do cárcere é completamente distinto. Porén, o da Xustiza tamén.

Somos conscientes de quen vai ao cárcere?