Separación conflitiva dos pais

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

03 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A separación dos pais, cando se leva de maneira conflitiva, causa cada vez máis problemas nos centros docentes. Os directores e titores están a sufrir situacións moi tensas relacionadas co réxime de visitas ou recollida dos fillos no centro; coa información académica sobre estes, que deben proporcionar tamén ao proxenitor que non ten a custodia pero si a patria potestade; coa escolarización, para a que se require a sinatura dos dous pais; coas contradicións á hora de decidir o que se quere para os fillos e un longo etcétera. Os docentes non están capacitados para resolver esta problemática. Vense obrigados a interpretar sentenzas xudiciais ou ordes de afastamento e, sobre todo, a ser mediadores en conflitos que non poden resolverse no ámbito educativo. 

Pero a parte máis débil, a que máis sofre, en moitos casos de xeito irreparable, son os fillos. A situación de violencia xera neles angustia e ansiedade, que provocan pesadelos, sentimentos de culpa, perda da autoestima, rebeldía ou depresión. As consecuencias das alteracións emocionais e afectivas son moi prexudiciais, tanto para súa saúde psíquica como física. A nivel académico, o alumno ten dificultades de atención e de concentración, menor implicación na clase e, como consecuencia, peor rendemento educativo. Xorden entón trastornos de comportamento e de aprendizaxe difíciles de diagnosticar, con repercusións negativas no proceso de maduración persoal e académica. Acaba forzándose unha adultez antes de tempo, o que provoca unha regresión constante, por non terse vivido no seu momento as etapas infantís imprescindibles.

Os mestres coñecen ben estas situacións, pero vense desbordados para atoparlles solución. Os nenos veñen ao centro escolar insatisfeitos, sen motivación para estudar e con grandes dificultades de comunicación e de convivencia. A súa mente non está preparada para superar situacións de violencia e de disputa pola custodia, mesmo con chantaxe, que ademais acostuman manterse durante moito tempo. Hai que ter en conta ademais que a seguridade emocional dos fillos depende máis da boa relación entre os pais que destes con eles.

Tendo en conta que máis da metade das rupturas matrimoniais están a ser conflitivas, a situación faise moi preocupante e non deixa de medrar. ¿Solucións? Por unha parte, reforzar a mediación familiar para recuperar o diálogo entre os cónxuxes, e por outra fomentar a adaptación do neno á nova situación familiar, previndo a aparición de trastornos de maduración. Neste sentido, a educación institucional pouco máis pode facer que atender individualmente ao alumno e potenciar a formación en valores, pensando sobre todo nas novas xeracións. Pero sen a colaboración da familia sería como achicar con culleres un recipiente que no fogar se enche con caldeiros.