Filosofía

Inma López Silva
inma lópez Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

11 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como é evidente que a filosofía é a arte de saber pensar é mellor eliminala dos plans de estudos. Así será aínda máis fácil condenar alguén a un ano de cárcere por escribir en Twitter un chiste sobre un fascista morto ou dar roldas de prensa por televisor de plasma interposto.

Podería rematar aquí esta columna. Pero eu aprendín nas clases de filosofía que as simplificacións interesadas son unha figura retórica do pensamento. Aprendín cos filósofos do instituto que a intelixencia se crea e se destrúe ao mesmo ritmo que se crean e destrúen as liberdades dos cidadáns. Aprendín tamén que algo ten que ver a liberdade, que tanto nos din protexer para nós os que gobernan sen nos ter en conta, coa vontade de poder (Nietzsche dixit), e o razoamento complexo coa intelixencia (se cadra Kant, Rousseau e Aristóteles). Aprendín nas clases de filosofía, en fin, o tan temido pensamento crítico que me fixo ser como son, porque o saber e o amor polo saber só se adquire se se transmite, coma as boas receitas e os segredos mellor gardados. Por iso a miña filla máis vella se chama Sofía. Á miña filla menor, en cambio, puxémoslle Carmen (en latín) porque significa verso, pois tamén cremos que a literatura nos fai libres e felices, mellores persoas e, como dicía Aristóteles, moitísimo máis sabios.

Quizais debería ter rematado a columna no primeiro intento, pois acabo de decatarme de que podo causar tamén a eliminación da literatura dos plans de estudos. ¡Fóra todo o que nos desaborrega!